Noticias

Xornada de homenaxe a Manuel María das asociacións culturais da Terra Chá o sábado 28 de maio en Castro de Rei

penas-de-rodas_4002161.jpg

28/05/2016 - Área recreativa do Río Azúmara, Castro de Rei

Máis dunha vintena de asociacións culturais da Terra Chá xúntanse para organizar unha xornada de festa e encontro arredor do escritor onde non faltarán a música, o xantar compartido, os faladoiros arredor do escritor e da súa obra, os xogos infantís e os tradicionais 

Diferentes colectivos culturais da Terra Chá, entre os que se conta a Casa-Museo Manuel María, organizan para este vindeiro sábado 28 de maio durante toda a xornada unha festa de homenaxe a Manuel María que terá como escenario a Área recreativa do Río Azúmara, en Castro de Rei. A iniciativa combinará durante todo o día música, xogos tradicionais, roteiros pola zona, xogos infantís e faladoiros arredor das diferentes facetas que conforman a personalidade do escritor e tamén sobre a súa obra. 

A xornada iniciarase a partir das 9.30 da mañá coa posibilidade de realizar un roteiro pola contorna de Castro de Rei: o punto de encontro será a Praza do Concello de Castro de Rei para, posteriormente, desprazarse ao Castro de Viladonga, a cuxo centro de interpretación se fará unha visita ás 10 da mañá. Posteriormente, ás 10.30 da mañá iniciarase un roteiro de 8.40 km (dificultade baixa) desde o Castro até Castro de Rei, onde se chegará ás 12 da mañá.

Para as 12 do mediodía na Área recreativa do Río Azúmara, que acollerá a xornada de homenaxe, haberá un concurso de corte con gadaña. Despois, ás 13 horas, unha sesión vermú cos grupos musicais Kibitka e Leña Verde. Ás 14 horas haberá xantar popular, cunha sobremesa amenizada pola música dos Valuros. Ás 16 horas haberá un Aberto de Billarda e ás 17 horas actuacións para público infantil, con Monicreques Trécolas e Chuches Amil. Ás 18 horas comezarán os faladoiros ou coloquios arredor de Manuel María, onde participarán diferentes persoas da Chaira coñecedoras da súa figura. 

Ás 23 horas a xornada festiva rematará cos concertos de Mini e Mero, Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel e Os Tres Trebóns. 

Durante toda a xornada haberá xogos populares e unha exposición sobre Manuel María no teleclube próximo á Área recreativa.