Noticias

Xa dispoñíbel unha nova unidade didáctica sobre O bigote de Mimí

capaobigotedemimi.jpg

A unidade, de uso libre, pódese descargar da sección de Recursos>Unidades didácticas desta mesma páxina en dous formatos: Pauta Montessori e Dobre Pauta. 

Foi elaborada por dúas mestras e un mestre do CEIP Galán de Oseiro (Arteixo). A nova unidade permite traballar na aula arredor dunha obra narrativa de Manuel María que está a ter grande acollida no público infantil

No camiño de seguirmos ofertando recursos didácticos que favorezan a lectura da obra de Manuel María e, sobre todo, o traballo complementar que a partir delas se poida facer co alumnado nas aulas, ofrécese agora para uso libre e gratuíto unha nova unidade didáctica que se suma ás que xa fomos dispoñibilizando desde antes do Nadal; trátase neste caso, dunha unidade didáctica sobre a obra narrativa infantil O bigote de Mimí, unha das reedicións de obras de Manuel María que máis éxito está a despertar entre o público lector e que mellor se axeita, ademais, para o traballo escolar tanto en Educación Infantil como nos primeiros cursos de Primaria. 

Dita unidade didáctica, que foi elaborada por dúas profesoras e un profesor do CEIP Galán de Oseiro (Arteixo) e posta por eles mesmos a disposición da Casa-Museo de maneira desinteresada, dispoñibílizase xa na sección de Unidades didácticas desta páxina en dous formatos diferentes: segundo a Pauta Montessori e segundo a Dobre Pauta.