Noticias

Uxía canta a Manuel María e outras novidades editoriais serán presentadas na Coruña este mércores

m_capa-exterior.jpg

- Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, A Coruña

Saleta Goy, viúva de Manuel María e presidenta da Fundación, Alberte Ansede e Xulián Díaz, deseñador das novas publicacións participarán nun acto público no que se convida a traer poemas e compartir o seu recitado 

Será no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa dos Olmos, 16-18, 1º) ás 20 horas deste mércores 27 de xaneiro

"Uxía canta a Manuel María" é, sen dúbida, unha das máis orixinais novidades que a Casa-Museo Manuel María vén de editar nos últimos tempos dentro dun amplo e diverso catálogo de publicacións que ten por obxectivo aproveitar a oportunidade que representa 2016 como ano no que se dedican as Letras Galegas ao autor chairego para que a súa obra se lea e acade a máxima difusión posíbel entre todos os públicos: do infantil ao adulto. 

Trátase dunha fermosísima e moi coidada publicación que combina en formato CD a voz marabillosa e sensibilidade feita canción de Uxía pondo música a moitos dos versos de Manuel María, un código de descarga para visionar o audiovisual De amor e cantería (Premio Mestre Mateo á mellor obra experimental do ano 2011) e un orixinal porta-poemas acompañado dunha selección de 52 poemas (un por cada semana do ano). Cada exemplar, ademais, é único: acompáñao unha folla de carballo recollida con agarimo por Saleta e varias/os amigas/os da Casa-Museo nun lugar tan querido polo poeta como a Carballeira da Santa Isabel de Outeiro de Rei. 

Esta, xunto con outras novidades editoriais lanzadas nos últimos meses, serán presentadas publicamente nun acto que, ademais, poderá ser protagonizado polo mesmo público asistente. Anímase a que cada quen traia preparado un poema para compartir o seu recitado.