Noticias

"Ritual para unha tribo capital de concello" preséntase este sábado, o 8 de abril, na Casa-Museo Manuel María

tribo-4.jpg

29/03/2017

A nova edición presentada por Eva Teijeiro, Orlando Viveiro, Felipe Senén e Xosé Estévez será ás 20 horas e no transcurso leranse algúns dos seus poemas

Este sábado, día 8, ás 20 hrs, na Casa-Museo Manuel María preséntase a nova edición de Ritual para unha tribo capital de concello, poemario de Manuel María editado por primeira vez en 1986. Un libro, que en palabras de Camilo Gómez Torres,  é  sentido e sufrido polo poeta coa intensidade dun amor que vai máis aló da vida e da morte.  
A profesora de literatura de Educación Secundaria, Eva Teijeiro, o divulgador cultural e investigador da historia de Outeiro de Rei , Orlando Viveiro, o arquéologo, etnógrafo, divulgador e dinamizador cultural, Felipe Senén, autor das ilustracións do libro, e o profesor de Historia da Universidade de Deusto, Xosé Estévez, autor do limiar do poemario, serán as persoas encargadas da presentación.
Ritual para unha tribo capital de concello é un canto lírico-etnográfico da tribo natal de Manuel María, Outeiro de Rei. A intimidade, as lembranzas e a historia persoal e colectiva, as vivencias, as identificacións coa natureza, os retratos de familia, a denuncia social, as romarías, as lendas, os ritos, os traballos… fanse presentes neste espazo vital dunhas xentes e dun pobo que ama, que sente seu e que ergue poeticamente desde a lembranza da sua infancia para ir avanzando no tempo até o presente-futuro do seu non ser físico.