Noticias

Reseña da última sesión dos dous Clubes de Lectura da Casa-Museo Manuel María

img-20220924-wa0034.jpg

01/11/2022

 

"Non penses nun elefante rosa", de Antía Yánez, "O Principiño", de Antoine de Saint-Exupéry, "O bosque dos raposos aforcados", de Arto Paasilina e "Desnortada", de Rosalía Fernández Rial foron os libros cos que retomaron a actividade no mes de setembro.
 
 
 
O día 17, Non penses nun elefante rosa, de Antía Yánez e O Principiño, de Antoine de Saint-Exupéry, foron as lecturas protagonistas na xuntanza do clube de lectura xuvenil A Tribo.
Intentando non pensar nun elefante rosa, Antía achéganos á realidade dunha Aurora de 30 anos que sofre un toc coa limpeza e a súa hixiene persoal dende nova, facéndonos así entrar na mente da protagonista e acompañala na súa loita persoal. Grazas a isto, puidemos falar da gran carencia que segue a ter a sanidade pública a día de hoxe nas áreas de psicoloxía e psiquiatría, así coma comentar un tema tan pouco tratado como é a saúde mental, reflexionando sobre o importante que é preguntarnos a nós mesmas como nos sentimos e ter os medios necesarios ao noso redor para pedir axuda cando sexa preciso.
Sempre partindo da figura de Aurora, na nosa reunión non faltaron mencións ás relacións familiares e en parella, o maltrato, o alcol e as relacións sexuais, temas moi presentes neste libro e a partir dos cales puidemos admirar aínda máis a figura da nosa protagonista.
Por outra banda O Principiño levounos a un mundo onde o que para moitas é fantasía, para outras é unha realidade que só unhas poucas persoas saben ver, realidade á que só se chega usando as lentes da nenez.
Esta obra chea de maxia está principalmente enfocada aos adultos, pretendendo así que recuperen as
emocións e os tempos da infancia para aprender a observar e gozar máis do que nos rodea.
Como non podía ser doutro xeito, a compañía do Principiño, a Rosa, o raposo e outras moitas personaxes fixéronnos reflexionar sobre temas coma o amor, a amizade, a nenez ou a madurez, sendo este un relato que nos encantou e que, cando o volvamos ler no futuro (O Principiño sempre se le máis dunha vez na vida) comprenderemos doutra forma.
Para o próximo trimestre o protagonista das nosas lecturas será o teatro e, da man de Manuel María, comentaremos Farsa de Bululú, Semente de dramón dos medios de comunicación, Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela e Auto trascendental da Escola tradicional.
 
O día 24, a sección de adultas comentamos O bosque dos raposos aforcados, de Arto Paasilina e Desnortada, de Rosalía Fernández Rial. No tocante á obra do finlandés, foi un éxito. De agradecida lectura, lixeiro e impredecible na trama, conseguiu trasladarnos aos bosques nórdicos de Laponia, onde as personaxes (un ladrón que non quere compartir o botín cos seus cómplices, un militar alcolizado e unha nonaxenaria fuxida dun asilo), conseguen confraternizar entre o absurdo e a fuxida da realidade. O grandes logros desta novela, na nosa opinión: conseguir a empatía de quen a le, malia o insólito da peripecia argumental e a peculiaridade dos protagonistas, e combinar unha variedade de tons humorísticos moi ampla co transcendente en cuestións ecolóxicas e sociais. 
Por suposto, nesta ocasión os versos que soaron, na voz da propia autora, foron os de Desnortada, en concreto "Musicámonos", versión sonora de "Da ría da ponte: Nordés". Con eles, encheuse do vento do mar a biblioteca da Casa-Museo Manuel María, e con ela, a chaira enteira.
A seguinte lectura, da que falaremos o cinco de novembro, é Os seres queridos, de Berta Dávila.