Noticias

Preséntase na Feira do libro de Lugo "Ritual para unha tribo capital de concello"

presentacion2.jpg

11/05/2017

Será o vindeiro mércores, 17 de maio, ás 19 hrs e inclúe un recitado de poemas do propio libro por parte das persoas asistentes que queiran participar.

A Feira do Libro de Lugo acolle o Día das Letras, 17 de maio, a presentación da reedición de Ritual para unha tribo capital de concello, de Manuel María. Esta levarase a cabo ás 19 hrs na caseta de presentacións da propia feira, situada na praza Maior da capital lucense.

A profesora de literatura de Educación Secundaria, Eva Teijeiro, e o secretario da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, Alberte Ansede, serán as persoas encargadas da presentación. Ao final da mesma, haberá un recitado de poemas deste libro realizado polo público asistente que queira recitar.

Ritual para unha tribo capital de concello é un canto lírico-etnográfico da tribo natal de Manuel María, Outeiro de Rei. A intimidade, as lembranzas e a historia persoal e colectiva, as vivencias, as identificacións coa natureza, os retratos de familia, a denuncia social, as romarías, as lendas, os ritos, os traballos… fanse presentes neste espazo vital dunhas xentes e dun pobo que ama, que sente seu e que ergue poeticamente desde a lembranza da sua infancia para ir avanzando no tempo até o presente-futuro do seu non ser físico.