Casa Museo Manuel María

Noticias

Percorrer o río Miño a través da poesía de Manuel María

p1060905.jpg

A exposición de Adela Leiro e Mon Dapena, "O Miño, canle de luz e néboa", un novo recurso para entidades e centros educativos
 

A Casa-Museo Manuel María vén de ofrecer un novo recurso a centros educativos e entidades socioculturais para seguir dando a coñecer a obra e a persoa de Manuel María. Desta vez, e en colaboración co Concello de Cambados e o IES Francisco Asorey, achégase a exposición, O Miño, canle de luz e néboa, cuxos autores son Adela Leiro e Mon Dapena. Composta por dez paneis, este recurso didáctico combina a poesía de Manuel María, en concreto poemas do libro "O Miño, canle de luz e néboa" (1986), co estudo do río Miño.

Manuel María amosou ao longo da súa obra un forte apego á natureza e asumiu desde o primeiro momento a defensa de todos os elementos que a conforman, desde o máis pequeno dos regatos ao río principal, as árbores, as criaturas grandes e pequenas, as plantas silvestres e as plantas que dan de comer, os animais que traballan e os que gozan da vida en liberdade… Ningún elemento foi alleo, ou deixado de ter en conta, e todos foron tratados cun intenso agarimo e un afectuoso sentimento. Entre todos ocupa un lugar principal o río Miño, ao pé do que naceu e que estivo, desde sempre, presente na súa obra.

No libro "O Miño, canle de luz e néboa", sinala na súa introdución: "O autor procurou, na medida das súas escasas e limitadas forzas, con este libro, dicirlle ao Miño, na actualidade tan agredido, o seu apaixoado amor, contando e cantando, como pode e sabe, os traballos e os días do noso Grande Río. Non en vano as súas caudalosas augas arrolaron o noso berce, asombraron a nosa infancia, puxéronlle alegre e desbordada música ás poderosas paixós e desasosegos da nosa adolescencia e xuventude e, nos anos da nosa madurez, o seu monótono rumor encheu a nosa melancónica nostalxia, pois a vida non nos permitiu permanecer ao pé do Miño natal como era o noso desexo, para, á súa beira, ir gastando as nosas horas medidas polas mansas ou alporizadas ondas".

Esta exposición ten a súa orixe nun traballo realizado polos alumnos e alumnas de Ciencias Naturais de 1º da ESO do IES Francisco Asorey de Cambados, en 2013, no proxecto “Auga que corre”, no Ano Mundial da Auga, en que se quería facer fincapé na importancia dos ríos para vida e a economía e o seu caracter cultural.

A exposición é de balde (as entidades e/ou centros educativos solicitantes teñen que se facer cargo dos gastos de envío e devolución da exposición), está composta por 10 paneis de lona flexíbel de 1 metro de largo e 1,70 de alto e para a solicitar é necesario dirixirse a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao tel. 698177621.

 

 

Deputación de LugoDeputación da CoruñaConsellería de Cultura, Educación e Ordenación UniversitariaConcello de LugoConcello de OleirosFEADERagaderLEADERMinisterio de Agricultura, Alimentación y Medio AmbienteConsellería do Medio RuralTerras de Lugo