Noticias

Outeiro de Rei acolle mañá, sábado 8 de xullo, a 4ª edición do Convivio da Cultura Galega

vlcsnap-2017-06-28-11h39m21s905.png

A Casa-Museo Manuel María, xunto á federación Galiza Cultura de entidades culturais e a Asociación Cultural e Musical Solfa, impulsa esta xornada de festa e de encontro do asociacionismo cultural galego de base

Outeiro de Rei, vila natal de Manuel María, acolle mañá, sábado 8 de xullo, o Convivio da Cultura Galega, que chega xa á súa cuarta edición.

O Convivio é unha xornada festiva, impulsada desde a Casa-Museo Manuel María, xunto á federación Galiza Cultura de asociacións culturais galegas e a Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela, entendida como un punto de encontro aberto a todo o asociacionismo cultural de base que se move en Galiza a calquera nivel: colectivos, creadoras e creadores artísticos, conxuntos musicais...

O Convivio da Cultura Galega desenvolverase entre a Casa-Museo Manuel María, no centro da vila de Outeiro, onde se recibirá os participantes a partir das 11 da mañá, e a Carballeira de Santa Isabel, unha fermosa paraxe natural situada a menos de 1 quilómetro da casa natal do escritor onde as augas do Río Ladra conflúen coas do Miño. Transformada hoxe nunha magnífica área recreativa, o Campo da Santa Isabel foi tradicionalmente o lugar da festa na “tribo” natal do poeta (como el chamaba a Outeiro de Rei) e tamén o lugar dos xogos infantís e das descubertas da natureza: de aí que para Manuel María fose sempre un lugar moi querido e tan presente sempre na súa obra.

Na Carballeira desenvolverase o Convivio durante boa parte da xornada, con actuacións musicais a partir das 12 hrs de, entre outras, da banda de música de Begonte-Rábade-Outeiro e da banda de música de Solfa, o xantar colectivo (cada quen deberá traer o seu), foliada aberta, desde as 16.45 hrs, a grupos e persoas que queiran animar a sobremesa libremente (Milesios, Reviravolta, Cantareir@s.comTIGO, Maraxe, Parabéns...), xogos populares...

Durante a mañá, no auditorio da Casa-Museo, haberá un encontro das directivas dos colectivos culturais presentes no Convivio para compartir experiencias de traballo no ámbito cultural e tecer redes de colaboración para o futuro que poidan dar no desenvolvemento de iniciativas conxuntas e axuden a afortalar o movemento asociativo cultural galego de base.