Noticias

"Os soños na gaiola en concerto", un caderno-CD para celebrarmos o 50 aniversario da obra fundacional da poesía infantil galega

portadarianx.jpg

Xa foi solicitado por duascentas escolas, IES, bandas e escolas de música e coros de todo o país

Este curso 2017-2018 vaise celebrar o 50 aniversario de "Os soños na gaiola", obra fundacional da poesía infantil galega e, na actualidade, unha máis difundidas e tamén cantadas. A Casa-Museo Manuel María editou hai uns meses un caderno-CD "Os soños na gaiola en concerto", coa colaboración do Concello de Rianxo e a axuda da Deputación da Coruña, que xa foi solicitado por duascentas escolas, IES, bandas e escolas de música e coros de todo o país. 

 A publicación, baseada en poemas deste libro, da que son autores Antón Alcalde, Irene Amado e Rafael Collazo,, é o resultado da proposta  levada a cabo pola Escola de Música de Rianxo e o CEIP Ana Mª Diéguez de Asados co motivo do Ano Manuel María .

O material preséntase a través de dous soportes, un caderno e un CD que o acompaña. O caderno contén o desenvolvemento do proxecto realizado polas distintas entidades participantes e os sete poemas escollidos do libro Os soños na gaiola de Manuel María, acompañados de ilustracións de Noemí López e de fotografías de Javier Rodríguez, e as melodías de Suso Vaamonde con cifrado harmónico e arranxos moi sinxelos, realizados polo compositor rianxeiro Antón Alcalde, para instrumentos de láminas. Ao final do caderno recóllense unha serie de contidos que se poden traballar con cada unha das melodías desde a aula de música dun centro educativo.

O CD contén sete audicións que se corresponden cos sete poemas seleccionados (A fouce, O meu barco, A roda-roda, O arco da vella, O río, O lobo e Caracol), e que foron gravados directamente nun concerto que se celebrou o 17 de maio de 2016 en Rianxo, ademais das partituras para banda de música, orquestra escolar e coro (guión da dirección e partes instrumentais) e redución para piano e voz. 

Os centros educativos, escolas e bandas de música, coros e docentes de música tradicional e popular que estean interesados poden recibir un exemplar de balde escribindo ao seguinte correo, contacto@casamuseomanuelmaria.gal, sinalando o nome do centro ou entidade e a persoa que o solicita.