Noticias

"A raíña das velutinas" de Lionel Rexes, "Aldara" de Inés Vázquez, e "Deixádenos remar" de Ana Cabaleiro, alén dun obradoiro de regueifa con Alba María obxecto da última reseña dos Clubes de Lectura

20220430_sesion-velutina3.jpg

O bosque dos raposos aforcados, de Arto Paasilina, Desnortada, de Rosalía Fernández Rial, Nunca penses nun elefante rosa, de Antía Yáñez, e O principiño, de Antoine de Saint-Exupéry serán as próximas lecturas

Este Clube de Lectura mantivo a súa actividade no segundo trimestre deste 2022 con varios encontros.

Falamos de A raíña das velutinas de Lionel Rexes o 30 de abril. Esta novela non acabou de convencer á maioría, malia ter aspectos moi interesantes; unha de nós participou na xornada sobre o Gardarríos que serviu de ambientación para a historia, e a súa experiencia persoal supuxo un valor engadido á lectura. Porén, en xeral, custou seguir o fío do relato pola continuidade do formato narrativo, que mistura as dúas tramas principais (o desenvolvemento do curso e a misión de Algaria e Marta) sen marcar unha transición clara entre distintas secuencias.

Nesa xornada visitounos Alba María, quen interpretou unha peza musical de Marful, o 'Tango do Fresco', moi acaída ao respecto dunha das liñas argumentais da obra obxecto de comentario. E aínda houbo máis música, ao sumármonos ao concerto posterior de Xurxo Souto e Richi Casás.

O 21 de maio, a sección xuvenil tivo a reunión correspondente á banda deseñada Aldara, de Inés Vázquez. Malia térena escollida nunha terna de tres propostas, como é a dinámica habitual, non lles encheu o ollo; o argumento desta novela gráfica conta con elementos moi atractivos (protagonismo feminino, presenza dunha lenda tradicional reinterpretada con orixinalidade, ambientación misteriosa) pero o debuxo facial das distintas personaxes, nomeadamente as masculinas, tan semellantes, dificulta seguir a trama e xera confusións que limitan o acerto inicial da intriga.

En convocatoria aberta para o público familiar, pero priorizando ás participantes nos Clubes de Lectura, tivo lugar o 4 de xuño un obradoiro de regueifa con Alba María. Esta actividade resultou moi interesante e produtiva, demostrou unha vez máis que divertirse improvisando é algo para todas as idades e que as propostas lúdicas interxeracionais funcionan. Hai que promovelas máis.

Nesta ocasión continuamos a festa no concerto de As Zoelas.

A obra elixida para pechar o trimestre o 18 de xuño, Deixádenos remar de Ana Cabaleiro, deixounos bo sabor de boca. En moi poucas páxinas, achega unha gran variedade de perspectivas e experiencias vitais, grazas ao protagonismo colectivo e á diversidade de temáticas que aborda: os coidados, a saúde mental, o machismo institucional, o enfrontamento de clases e de formas de vida, o amor e as relacións de parella, o mundo laboral contemporáneo (emprendemento, precariedade), e sobretodo, a solidariedade e a cotidianeidade nunha comunidade nas marxes dun mundo cambiante. Contrapón a ollada humana, da veciñanza, predominantemente feminina, á dos narradores inanimados, verdadeiros 'convidados de pedra'; e nisto radica a súa orixinalidade.

Se ben é certo que esixe certo esforzo para encaixar as múltiples pezas -breves flashes narrativos- que integran a trama, tamén o é que cadaquén ten a súa secuencia predilecta. Na nosa conversa as máis referenciadas foron a da nai separada que atopa unha estratexia para sobrevivir, a da creadora de cadros con fíos que debulla a vida das súas retratadas, e a da bióloga que combate con nocturnidade e alevosía a destrución dos ecosistemas da contorna. E, por suposto, o camareiro que vai de empate e a caixeira en liza un repoñedor, dous magníficos exemplos de coloquialidade.

 

Por agora, isto foi todo; retomaremos as xuntanzas en setembro. Como propostas para o verán, as adultas escollemos O bosque dos raposos aforcados, de Arto Paasilina e Desnortada, de Rosalía Fernández Rial. A rapazada elixiu pola súa conta Nunca penses nun elefante rosa, de Antía Yáñez, á que lle engadimos un clásico: O principiño, de Antoine de Saint-Exupéry.