Noticias

O teatro de Manuel María será obxecto de análise o 17 e 18 de xuño en Carral

folleto-programa-xornadas-o-teatro-de-manuel-maria.jpg

06/06/2016

Nas xornadas presentarase unha nova edición de "Abril de lume e ferro"
 

"O teatro de Manuel María" será obxecto de análise os días 17 e 18 de xuño na Casa da Cultura de Carral. Estas xornadas organizadas polo concello, e nas que colabora a Casa-Museo Manuel María, comezarán ás 20 horas do venres 17 cunha conferencia a cargo da profesora da UdC, Pilar García Negro, sobre "Os autos no teatro de Manuel María".

O sábado, 18, ás 11 hrs, o profesor e escritor Henrique Rabuñal desenvolverár un relatorio que leva por título "A historia inserida no teatro de Manuel María". Ás 12.30 celebrarase unha mesa redonda moderada polo dramaturgo Lino Braxe e na que participarán o tamén dramaturgo Roi Vidal Ponte, o actor David Pernas Lázaro e Mario Gallego Rey, director da peza "Abril de lume e ferro", representada pola entidade cultural do mesmo nome.

O venres, 17, contra as 21 horas, e dentro das propias xornadas presentarase unha nova edición de "Abril de lume e ferro", peza escrita por Manuel María e editada o 25 de xullo de 1989 polo Concello de Carral. Na nova edición alén da entidade municipal carralesa, colabora a Deputación da Coruña e a Casa-Museo Manuel María.

As persoas interesadas en participar nas xornadas poden inscribirse antes do 14 de xuño na Casa da Cultura de Carral (rúa de Paleo, 17, Carral), no teléfono 981672580, no formulario online de culturacarral.blogaliza.org ou no correo electrónico cultura@carral.es. O número de prazas é limitado.