Noticias

O sábado, 8 de xullo, IV Convivio da Cultura Galega na carballeira de Santa Isabel

cartaz-convivio-4.jpg

Organizado pola Casa-Museo Manuel María, a Federación Galiza Cultura e a Asociación Cultural e Musical Solfa 

Unha nova edición do Convivio da Cultura Galega terá lugar o sábado 8 de xullo durante todo o día en Outeiro de Rei da Terra Chá.

O Convivio é un espazo de encontro, de amizade e de intercambio absolutamente aberto á participación de todo o asociacionismo de base que hoxe fai, cada quen ao seu xeito e desde as súas coordinadas, cultura galega desde nós, por nós e para nós.

Un día de festa por volta de Manuel María que, para alén da súa magnífica e polifacética dimensión literaria, gastou, literalmente, "o seu corpo nos camiños" como incansábel activista cultural, como construtor imprescindíbel do primeiro asociacionismo cultural galego nacido aínda na clandestinidade obrigada do franquismo. Unha xornada que celebraremos, máis un ano, nalgunhas das máis significativas paisaxes que conformaron o espazo físico orixinario do noso escritor, a salientar a carballeira de Santa Isabel.

Achegamos a seguir información sobre a estrutura da xornada:

11.00 h: Acollida na Casa-Museo Manuel María.
11.15 h: Benvida por parte de Pilar Garcia Negro, en nome de Galiza Cultura, e Alberte Ansede, en representación da Fundacion Manuel María.
11.30 h: Saída a pé para a carballeira de Santa Isabel con parada no cemiterio de Outeiro para realizar unha ofrenda a Manuel María.
12.00 h: Na carballeira actuacións de bandas de música e coros.
14.00 h: Xantar demorado. Cada quen trae a súa comida. O espazo conta con algunhas mesas e a organización pon as cadeiras.
17.00 h: Foliada na carballeira con distintos grupos musicais e aberta a quen queira cantar, tocar, bailar... Contacta con nós en contacto@casamuseomanuelmaria.gal (tel. 698177621).

Encontro de asociacionismo cultural de base no auditorio da Casa-Museo Manuel Maria: as directivas (e quen quixer...) reuniranse ás 11.30.