Noticias

O concerto de Uxía, Xabier Díaz e Guillerme Fernández no Teatro Colón pon o ramo ao Ano Manuel María

9-dic-2016---manuel-maria-s03.jpg

O espectáculo "A música amorosa das palabras", que se levará a cabo o xoves, 15 de decembro, ás 20 hrs, foi presentado esta mañá na Coruña
 

A música amorosa das palabras é o título do concerto de Uxía, Xabier Díaz e Guillerme Fernández que porá o ramo o vindeiro xoves día 15 de decembro ás 20 horas á conmemoración do Ano Manuel Maria por parte da Casa-Museo Manuel Maria. O acto foi presentado pola presidenta e o secretario da Fundación Manuel María, Saleta Goi e Alberte Ansede, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

Con entrada libre, até completar aforo, que se poderá retirar na billeteira do Teatro Colón de 12 a 14 horas e de 17 a 20 horas do mesmo día 15 de decembro, o concerto A música amorosa das palabras, organizado pola Casa-Museo Manuel María coa colaboración da Deputación da Coruña, preséntase como clausura do Ano Manuel María e sinal de agradecemento a todas as persoas e entidades que, ao longo destes doce meses, contribuíron a difundir a obra e a figura do autor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

A presidenta da Fundación Manuel María, Saleta Goi, sinalou que co concerto queren “dar as grazas ao pobo galego en xeral, a todas as persoas que participaron nas actividades deste ano”. “Creo que é foi o ano en que o Día das Letras Galegas estivo cuberto ao máximo nos centros de ensino. Grazas tamén ás asociacións culturais e demais entidades que participaron. Demostran que a súa obra ten vida e terá futuro no tempo”, dixo Saleta Goi o acto de presentación no que tamén afirmou que “mentres os tempos son escuros temos a obra de Manuel Maria que contempla a claridade que precisa Galiza”.