Noticias

O audiovisual Manuel María, paixón de palabra e terra nominado aos Premios Mestre Mateo

1373386948055fotosmanuelmaria_00678.jpg

08/02/2017

Con guión de Anxa G. Refoxo e producido por Pixel Films, o documentario foi estreado pola TVG o Día das Letras Galegas de 2016

 

Manuel María, paixón de palabra e terra, o audiovisual elaborado pola Casa-Museo Manuel María para a súa estrea pola TVG o Día das Letras Galegas de 2016, vén de ser nominado pola Academia Galega do Audiovisual como finalista na categoría de documentais aos Premios Mestre Mateo 2017. 

Candidatado inicialmente xunto cunha vintena longa de creacións de grande calidade, a Academia daba a coñecer este 7 de febreiro que o documentario que percorre a traxectoria de Manuel María a través da ollada e da palabra da súa compañeira vital, Saleta Goi, figura como finalista na categoría de Documentais xunto a outras tres creacións audiovisuais. 

Producido por Pixel Films baixo o guión e o bo facer de Anxa G. Refoxo, as creacións audiovisuais desta factoría conxunta voltan aos grandes premios da industria audiovisual galega logo de que en 2011 outro documentario de noso, De amor e cantería, fose premiado como a mellor creación experimental dos Mestre Mateo daquel ano. 

O documentario encóntrase na páxina web da Casa-Museo, en concreto dentro do apartado de RECURSOS>VÍDEOS http://www.casamuseomanuelmaria.gal/recursos/videos.htm