Noticias

Nova xornada de traballo do equipo voluntario de catalogación da biblioteca da Casa-Museo

img_20170211_124535.jpg

11/02/2017 - Casa-Museo Manuel María

Un grupo de amigas e amigos da Fundación e Casa-Museo Manuel María traballan de maneira desinteresada desde hai varios anos na localización, inventariado e catalogación dos importantísimos fondos documental e bibliográfico que o escritor atesourou ao longo da súa vida

Este sábado 11 de febreiro a Casa-Museo Manuel María acolleu unha nova xornada de traballo da equipa de persoas que, baixo a coordinación de Xosé Manuel Pérez, vén colaborando desinteresadamente desde hai varios anos nos traballos de localización, inventariado e catalogación da biblioteca e do fondo documental que o escritor foi construindo ao longo de toda unha vida de creación literaria, mais tamén de compromiso coa nación galega e dunha máis que intensa intervención pública movida por dito compromiso. 

A biblioteca, conformada por uns 12.000 volumes, é unha das xoias do legado que acolle a Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei; un tesouro do libro galego e sobre Galiza que se trasladou por enteiro desde a morada particular do poeta na Coruña, onde residiu os últimos anos da súa vida, á súa casa natal, hoxe Casa-Museo. 

Trabállase agora na correcta catalogación deste valiosísimo fondo bibliográfico co obxectivo de o converter, o máis axiña posíbel, nunha importantísima fonte de información ao servizo de todo o pobo galego. Unha vez concluídos estes traballos, necesariamente adiados no tempo pola cantidade de actividades que a Casa-Museo acolleu o ano pasado durante o ano das Letras Galegas para Manuel María, todos os públicos interesados poderán acceder a este fondo previa solicitude e baixo condicións semellantes a outro tipo de coleccións e arquivos destas características.