Noticias

Milesios na Casa-Museo Manuel María

indoevindo.jpg

O auditorio da Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei abre este sábado, 1 de abril, ás 20 hrs, unha nova xeira dos seus “Concertos na intimidade: de Corazón a Corazón” coa actuación do grupo chairego de folc Milesios, que presentará os temas de Indoevindo, o seu máis recente traballo. 

Con este disco, composto de 11 pezas nas que por vez primeira se introduce voz a catro delas, Milesios aposta en seguir afondando nas raíces comúns entre a música tradicional galega e irlandesa, como leva facendo desde o inicio da súa traxectoria en 2009. Tamén renden un tributo a Manuel María, o poeta que situou literariamente a Terra Chá, ao musicar, nunha das pezas do disco, o seu poema Anceio, do libro Advento (publicado en Buenos Aires en 1954, o mesmo ano da publicación de Terra Chá). 

Milesios vén de anunciar un agasallo único para todas as persoas que este sábado acudan ao seu concerto deste sábado. Trátase dunha fotografía orixinal de Daniel Díaz Trigo, deseñador do libro que acompaña o CD, copiada con tintas pigmentadas en papel de conservación Hahnermühler Photo Rag Satin 310 gr. De cada fotografía editouse unha tiraxe única de 25 exemplares de 10x15 cm., numerados e asinados polo autor. 

Os “Concertos na intimidade: de Corazón a Corazón” son unha proposta musical que fai parte da programación cultural que periodicamente desenvolve a Casa-Museo Manuel María. Xogando coa atmosfera única que crea a estética do auditorio, emprazado na antiga palleira grande da casa natal do poeta, búscase ofrecer concertos en formato acústico que favorezan a máxima proximidade entre os artistas e o público asistente. 

As entradas para o concerto de Milesios teñen un prezo de 5€. Pódense reservar anticipadamente  a través do correo-e contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou do teléfono 698 177 621. O aforo do auditorio é limitado, polo que a reserva anticipada é a opción recomendada pola organización.  As entradas reservadas poderanse retirar o mesmo sábado desde 1 hora e até 10 minutos antes do inicio da actuación.