Noticias

Manual para rachar o silencio

51whdleyvbl._sx342_ql70_ml2_.jpg

17/09/2020

Artigo de Eva Teijeiro, docente e membro do Padroado da Fundación Manuel María, publicado o pasado sábado, 12 de setembro, en Nós Diario

Un pobo que cala é un pobo que esmorece, que camiña cara á súa propia extinción.
Sabíao ben Manuel María -'non canta na Chá ninguén'-, en loita permanente para que o pobo galego erguese a súa voz.
Isto quedou testemuñado na súa vida e na súa obra, en composicións como 'Poema contra o silencio' (1977, Poemas para construír unha patria -título abondo representativo):        
 
Compre loitar contra o silencio;
é preciso, urxente e necesario
rematar co silencio dunha vez,
recobrar as palabras
unha
a
unha,
facer con elas proclamas e canciós,
primaveras de soños e esperanzas,
coiteladas de luz,
voz verdadeira,
que obrigue a camiñar á nosa patria.
 
Este texto referencial é o remate do devandito poema. Toda a súa traxectoria creadora -e vital- está  recollida neste manifesto que explicita o que leva facendo dende a década dos cincuenta.
Naqueles anos escuros en que o teito era de pedra, o silencio ao que se refire o poeta chairego non é outro que o autoimposto -autocensura. Lonxe de ser unha mostra de conformidade da xente de a pé coa realidade que lle tocou vivir, é un mecanismo de autodefensa, ás veces mesmo unha forma de resistencia. 
Malia ser o silencio un símbolo poliédrico na súa obra -polo xeral, negativo- é ao mutismo colectivo ao que se enfronta en combate constante o autor de Terra Chá, pois o seu proxecto de Galiza liberada precisa fanar o ferrollo de medo e impotencia.
El desenvolveu competentemente esa tarefa: cedeu a súa voz poética á colectividade, coa que se identifica con extraordinaria sensibilidade, materializou parte da súa escrita nun 'nós' incluínte, e denunciou a problemática do pobo galego cal altofalante das súas queixas. Porén, fai un reiterado chamado popular para rachar ese silencio abafante, sabedor de a quen lle corresponde de verdade defender o idioma -a fala- máis tamén ceibarse da opresión permanente. 
Se a súa dispoñibilidade é absoluta á causa dos galegos e galegas, non o é menos a súa clarividencia druídica para identificar o máis urxente no ámbito cultural do país e buscar recursos para conseguilo. Así, crea pezas dirixidas ao público infantil cando non había materiais neste eido, e promove o xurdimento da canción de autor en galego. 
Neste sentido, hai tres fitos fundamentais: a súa participación no recital de Raimon en Compostela e no primeiro concerto de Voces Ceibes no Capitol (1968), a gravación de discos a través de Xistral   e a potenciación de textos poéticos (propios ou alleos) para a seren musicados. Todo isto, engadido á sonoridade dos seus versos, o que fai del un auténtico mestre da 'música da palabra'. 
Manuel María terma de boa parte da banda sonora da música galega dende finais dos 60 ata os nosos días, sendo un dos autores máis musicados, dende moi distintos estilos, tantos como diversa é a súa produción. Non hai espazo aquí para a abondosa nómina dos seus musicadores.
A difusión que acadou este fenómeno achegou ao pobo unha contramensaxe, contraposta á da ditatura, e no referido a Galiza, supuxo ademais poñer en valor a nosa cultura e a nosa lingua. 
Foi tal o seu pulo e dedicación, que non só contribuíu a que a xente falara, senón tamén a que cantara, e aínda máis, o seu canto foi máis aló da chaira -a súa benquerida tribo, onde ata o Pai Miño ía silandeiro-: chegou a todo o país, á colectividade, que se recoñeceu mesmo en pezas con referencias xeográficas tan explícitas como 'O carro', auténtico himno popular contemporáneo.
Aínda que el fose crítico cos logros obtidos, o éxito social da poesía levada á rúa debe valorarse coa grandeza que merece. Non só boa parte da súa produción se popularizou, fíxoo tamén moita daquel@s que teñen na fronte unha estrela e no bico un cantar.
Hai quen escribe, hai quen canta e hai bardos das idades como Manuel María que son quen de facer cantar a un pobo.             
Non esquezamos que somos herdeiros da súa xeira da palabra, hoxe que o silencio é a ocultación da voz verdadeira baixo inxentes mensaxes ocas e excesos dialécticos -que non informativos. Sexamos a peneira que fai falla agora para separar o gran da palla.