Noticias

Máis de 280 entidades xa contan co libro-cd "Os soños na gaiola en concerto"

portadarianx.jpg

Material didáctico gratuíto para difundir algúns dos poemas do libro "Os soños na gaiola", no ano en que se cumpren 50 anos da súa primeira edición

Máis de 280 entidades do país (bandas e escolas de música, CEIPs e IES e coros) xa contan co libro editado pola Casa-Museo Manuel María, coa colaboración do Concello de Rianxo e a axuda da Deputación da Coruña, "Os soños na gaiola en concerto". Este material didáctico,de distribución gratuíta, elaborado por Antón Alcalde, Irene Amado e Rafael Collazo, baséase en poemas do poemario de Manuel María Os soños na gaiola e tivo a súa orixe nunha proposta  levada a cabo pola Escola de Música de Rianxo e o CEIP Ana Mª Diéguez de Asados co motivo do Ano das Letras adicado a Manuel María. A Casa-Museo Manuel María salienta que este ano 2018 Os soños na gaiola cumpren 50 anos da súa primeira edición, e algunhas das entidades culturais que solicitaron este material están a traballar con el para conmemoraren cunha actividade musical o aniversario do libro fundacional da literatura infantil en galego.

O material preséntase a través de dous soportes, un caderno e un CD que o acompaña. O caderno contén o desenvolvemento do proxecto realizado polas distintas entidades participantes e os sete poemas escollidos do libro Os soños na gaiola de Manuel María, acompañados de ilustracións de Noemí López e de fotografías de Javier Rodríguez, e as melodías de Suso Vaamonde con cifrado harmónico e arranxos moi sinxelos, realizados polo compositor rianxeiro Antón Alcalde, para instrumentos de láminas. Ao final do caderno recóllense unha serie de contidos que se poden traballar con cada unha das melodías desde a aula de música dun centro educativo.

O CD contén sete audicións que se corresponden cos sete poemas seleccionados (A fouce, O meu barco, A roda-roda, O arco da vella, O río, O lobo e Caracol), e que foron gravados directamente nun concerto que se celebrou o 17 de maio de 2016 en Rianxo, ademais das partituras para banda de música, orquestra escolar e coro (guión da dirección e partes instrumentais) e redución para piano e voz. 

Os centros educativos, escolas e bandas de música, coros e docentes de música tradicional e popular que estean interesados poden recibir un exemplar de balde escribindo ao seguinte correo, contacto@casamuseomanuelmaria.gal, sinalando o nome do centro ou entidade e a persoa que o solicita.