Noticias

Máis de 200 centros educativos e entidades musicais xa teñen "Os soños na gaiola en concerto"

portadarianx.jpg

No Festigal desenvolveuse unha nova presentación da publicación realizada por Antón Alcalde, Irene Amado e Rafael Collazo

Son xa máis de 200 os centros educativos e as entidades musicais que teñen solicitado este caderno-CD editado pola Casa-Museo Manuel María, coa colaboración do Concello de Rianxo e a axuda da Deputación da Coruña. "Os soños na gaiola en concerto" é o resultado da proposta levada a cabo o ano pasado pola Escola de Música de Rianxo e o CEIP Ana Mª Diéguez de Asados co motivo do Ano Manuel María.

O proxecto móstrase través de dous soportes, un caderno e un CD. O caderno contén o desenvolvemento do proxecto realizado polas distintas entidades participantes e os sete poemas escollidos do libro "Os soños na gaiola" de Manuel María, acompañados de ilustracións de Noemí López e de fotografías de Javier Rodríguez, e as melodías de Suso Vaamonde con cifrado harmónico e arranxos moi sinxelos, realizados polo compositor rianxeiro Antón Alcalde, para instrumentos de láminas. Ao final do caderno recóllense unha serie de contidos que se poden traballar con cada unha das melodías desde a aula de música dun centro educativo.

O CD contén sete audicións que se corresponden cos sete poemas seleccionados (A fouce, O meu barco, A roda-roda, O arco da vella, O río, O lobo e Caracol), e que foron gravados directamente nun concerto que se celebrou o 17 de maio de 2016 en Rianxo, ademais das partituras para banda de música, orquestra escolar e coro (guión da dirección e partes instrumentais) e redución para piano e voz.

Deputación de LugoDeputación da CoruñaConsellería de Cultura, Educación e Ordenación UniversitariaConcello de LugoConcello de OleirosFEADERagaderLEADERMinisterio de Agricultura, Alimentación y Medio AmbienteConsellería do Medio RuralTerras de Lugo