Noticias

Un magnífico agasallo para este Nadal: 'Uxía canta a Manuel María'

foto-uxia-4.jpg

- Galiza

Uxía canta a Manuel María é un traballo musical sobre poemas do autor ao que se dedicarán as Letras Galegas en 2016. Foi gravado ao vivo durante o concerto con que a artista "agasallou" ao escritor o pasado 6 de outubro na Casa-Museo Manuel María, na data do aniversario do poeta

Unha das novidades é o orixinal formato: incorpora un porta-poemas e 52 poemas de Manuel María (un para cada semana do ano). Cada exemplar é único, pois leva con el unha folla de carballo da Carballeira da Santa Isabel de Outeiro de Rei recollida por Saleta e por amigas e amigos da Fundación 

O CD incorpora un código de descarga do DVD De amor e cantería

O Culturgal serviu como espazo de lanzamento para o disco Uxía canta a Manuel María, feito a partir da gravación ao vivo do concerto que a excepcional artista ofreceu, a xeito de agasallo de aniversario, no auditorio da casa natal do escritor o pasado 6 de outubro, día do nacemento do poeta.

'Uxía canta a Manuel María' é un traballo musical sobre poemas de Manuel María realizado por Uxía, voz excepcional da música galega e sensibilidade feita canción, que agora interpreta “ao vivo” desde a Casa-Museo do escritor. Todo un canto ao gardador das albas que nos fai crer aínda no ser humano.

O novo disco, ademais do acompañamento musical dos brasilegos Sérgio Tánnus e Paulo Silva e o de Santi Cribeiro, incorpora a colaboración especial e excepcional de Xabier Díaz. Inclúe, así mesmo, un código de descarga do DVD De amor e cantería, traballo da Fundación Manuel María de Estudos Galegos producido por Pixel Films que, baixo a dirección de Anxa G. Refoxo, foi premio Mestre Mateo de 2011 á mellor obra experimental.

Outra das novidades que acompaña o disco é o seu orixinal formato: 52 semanas ten o ano e 52 son os poemas que acompañan a este CD. Cada semana poderase colocar un poema diferente no porta-poemas que o acompaña e vivir o ano nas súas estacións, paisaxes, traballos ou celebracións. Poesía de cabeceira para soñar, para degustar lentamente e, inclusive, para memorizar e así levarmos sempre connosco.

Cada exemplar deste disco vai ser único grazas á colaboración de Saleta é á Asociación de Amigas/os da Fundación, que colocaron en cada porta-poemas unha folla de carballo da Santa Isabel de Outeiro de Rei, lugar tan querido por Manuel María e tan cantado na súa obra.

Un fermoso agasallo para a vosa familia ou amizades para este Nadal ao magnífico prezo de 15 €.