Noticias

Feito de terra e mais de amor: espectáculo-homenaxe a Manuel María da A.C. Cultura do País de Lugo

feito-de-terra-e-mais-de-amor.jpg

14/05/2016 - Auditorio da Casa-Museo Manuel María

Danza, música e vídeo uniranse nunha orixinal proposta creativa para homenaxear a Manuel María este domingo 15 de maio ás seis da tarde no auditorio da Casa-Museo. Entrada libre até completar o aforo. 

Este vindeiro martes, Día das Letras, Outeiro de Rei será unha gran festa durante todo o día para homenaxear ao seu veciño Manuel María. A Casa-Museo, logo dos actos institucionais da mañá, organiza para a tarde (de 16.30 a 19.30) unha xornada de portas abertas con actividades dirixidas a todos os públicos. 

Mais xa este domingo, día 15, Outeiro vivirá un adianto da festa do martes: ás seis da tarde o auditorio da Casa-Museo acollerá un espectáculo multiartístico organizado e deseñado pola Asociación Cultural Cultura do País de Lugo: unha proposta creativa, chea de orixinalidade, coa que a entidade cultural luguesa quere honrar a figura e a obra de Manuel María. Música, danza, poesía e imaxes irán da man nunha función chea de innovación e sensibilidade. A entrada será libre até completar o aforo do auditorio (recoméndase, por tanto, chegar con algo de antelación para ter sitio). 

A xornada de mañá domingo chega chea de propostas sobre Manuel María na súa "tribo" natal: un recital poético ás 12 da mañá no cemiterio vello de Outeiro ao pé da súa campa; un concerto de homenaxe da Banda de Música de Rábade-Begonte-Outeiro na Praza do Concello ás 13.30; e, para completar a xornada, visitas guiadas á Casa organizada pola Asociación de Amigas/os dos Museos de Galiza ou polo Concello de Lugo a través do seu programa de roteiros Terras de auga e cultura.