Noticias

Dispoñíbel para uso libre o texto de Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela

img_20151206_0002.jpg

06/12/2015 - Galiza

Atoparédelo na categoría Recursos>Outros desta mesma páxina web xunto con outros textos teatrais escritos por Manuel María 

Preténdese facilitar todo o posíbel o acceso a textos teatrais co obxectivo non só de dar a coñecer a faceta de Manuel María como dramaturgo, senón tamén de favorecer o traballo arredor deles e mesmo a súa representación 

Nas últimas semanas fomos subindo á páxina web diferentes recursos didácticos pensados para facilitar o traballo arredor da obra de Manuel María, moi especialmente nas aulas. Un destes recursos é o do teatro: na sección de Outros Recursos desta páxina fomos dispoñibilizando xa unha serie de textos teatrais, a maioría breves, escritos por Manuel María e, en realidade, xa moi intencionalmente pensados para a súa representación (no teatro escolar, por grupos de teatro amador, etc.). 

Se algunha obra teatral de Manuel María destacou sobre outras en popularidade, debido a tantas ocasións como foi representada en colexios e institutos de todo o país, sen dúbida é Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela. Moitos centros de ensino, concellos, colectivos culturais, pequenos grupos teatrais...dirixístesvos a nós preguntando especialmente por esta obra. Pois ben, facemos agora o seu texto completo accesíbel para que, libremente, dispoñades del: para facer traballo na aula e, como non, para escenificar.