Noticias

Dispoñíbel para todos os públicos un amplo catálogo de publicacións de Manuel María

foto-oficial-manuelmaria.jpg

A designación de Manuel María como homenaxeado coas Letras Galegas de 2016 constitúe unha moi boa oportunidade para a difusión e lectura da súa obra. 

 

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos está a facer un importante esforzo para que as obras máis emblemáticas do escritor estean dispoñíbeis xa desde o inicio do curso escolar. Complementariamente, ofrece a centros de ensino ou calquera outro público interesado un amplo abano de recursos didácticos.  

A designación de Manuel María como autor ao que se dedicarán as Letras Galegas en 2016 constitúe para a Fundación Manuel María de Estudos Galegos unha moi boa oportunidade para que a ampla produción literaria do escritor teña a difusión adecuada e sexa lida por públicos o máis amplos e diversos posíbeis.

Por iso, estamos a facer un importante esforzo para, como depositarios do seu legado, dispoñibilizar coa máxima antelación posíbel a edición e distribución de títulos correspondentes a algunhas das súas obras máis emblemáticas, así como algunhas outras con información xeral sobre Manuel María, útiles sen dúbida para achegarse á súa figura e a varios dos aspectos que conforman a súa poliédrica personalidade. 

Complementariamente, a Fundación quere tamén, coa máxima antelación que lle é posíbel, ofrecer toda unha serie de materiais de apoio que poidan resultar de utilidade para o traballo do profesorado e o alumnado na aula arredor da figura de Manuel María e das Letras Galegas de 2016. Eses materiais poderán ser directamente descargados desde a páxina web. 

Ademais, para os centros escolares que indiquen leituras do noso catálogo recibirán, segundo o caso, diferentes recursos para complementar a lectura das obras de Manuel María: lotes de libros, a cesión temporal (gratuíta) da exposición Manuel María: a palabra viva, unha actividade de animación á lectura ou unha visita teatralizada á Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. 

Para máis información sobre estas posibilidades contactade connosco no correo-e contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no teléfono 698 177 621. 

Aquí podedes acceder ao catálogo en liña: 

https://www.dropbox.com/s/tju4efc7413xvq6/Publicaci%C3%B3ns%20para%20todas%20as%20idades%20e%20preferencias%20CAT%C3%81LOGO%20%282%29.pdf?dl=0.

Tamén o podedes descargar en PDF no apartado publicacións desta mesma páxina.