Noticias

Dispoñíbeis para libre acceso distintas pezas teatrais de Manuel María

representacion-teatral-da-berenguela-no-cp-iria-flavia-de-padron-1993.jpg

Son textos dramáticos de pequeno formato moi adecuados para o traballo e a representación no ámbito escolar ou asociativo

Desde este luns 16 de novembro comezarán a estar dispoñíbeis para o seu libre uso diferentes pezas teatrais de Manuel María. Trátase de textos, na maior parte dos casos, de pequeno formato, cremos que especialmente axeitados para traballar con eles na aula e mesmo para a súa eventual representación. Crémolos tamén axeitados para poderen ser representados por grupos de teatro afeccionado, colectivos e asociacións culturais, etc. 

Coa súa publicación para o libre uso a Casa-Museo Manuel María desexa contribuír para o coñecemento de Manuel María non só como poeta, mais tamén como un moi importante autor dramático que deixou escritos textos de gran calidade e forza escénica, algúns dos cales aínda hoxe seguen a ser representados ano tras ano. Unha parte desta produción teatral, talvez non tan coñecida como a poética, a narrativa ou a xornalística, permanece inédita, polo que é a nosa vontade podela dar a coñecer ao público. 

A próxima celebración de 2016 como ano das Letras Galegas para Manuel María pensamos que pode ser unha moi boa oportunidade para que toda a súa obra se divulgue, se lea e, no caso do teatro, se represente.