Noticias

Crianzas e mocidade de distintos lugares do país participarán este sábado, día 18, na terceira edición do "Rosalía sempre viva"

p1020768.jpg

O concurso, organizado pola Casa-Museo Manuel María, ten por finalidade a potenciación da expresión oral e a creatividade a través do recitado da obra de Rosalía de Castro e Manuel María

Estes sábado, 18 de marzo, na Casa-Museo Manuel María, cáseque 150 crianzas, rapaces e rapazas de distintos puntos do país participarán na terceira edición do Concurso de recitado de poesía "Rosalía sempre viva". 

Este concurso ten como finalidade a potenciación da expresión oral e a creatividade a través do coñecemento e recitado da obra de Rosalía de Castro e de Manuel María, e vai dirixido a todo o alumnado de Educación Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos. 

Após celebrarse a fase previa nos distintos centros educativos que concorren no certame, este sábado desenvolverase a fase final no auditorio da Casa-Museo Manuel María. Nesta, os alumnos e alumanas seleccionadas terán de recitar un poema libremente escollido entre a obra de Manuel María e Rosalía de Castro. 

O concurso valora a autenticidade e naturalidade do recitado (ton, timbre, ritmo, pausas, dicción, inflexión da voz e expresividade), así como a memorización e o nivel de dificultade do poema escollido.