Noticias

Amigas/os da Casa-Museo farán que Manuel María estea moi presente na manifestación convocada por Queremos Galego

1373389454266fotosmanuelmaria_01368.jpg

16/05/2016 - Santiago de Compostela

Amigas e amigos da Casa-Museo elaboraron unha serie de estandartes con imaxes e textos de Manuel María que calquera persoa poderá portar durante o percorrido da manifestación cidadá en defensa dos dereitos lingüísticos. O punto de encontro será ás 11.50 xunto á Cafetaría Alameda, na Porta Faxeira

A manifestación nacional convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego parte ás 12 da mañá da Alameda compostelá 

Se hai algunha causa xusta á que Manuel María foi fiel durante toda a súa vida -e moitas foron nas que participou -foi a causa da lingua, a dun país normalizado lingüística e culturalmente. El mesmo definiuse, máis que nada, como un "galego normalizado" e demostrouno coa coherencia do seu exemplo persoal: a súa produción literaria foi monolingüe en galego, feito en por si moi destacábel tendo en conta o contexto histórico dos seus inicios, mais tamén o uso normal que sempre fixo da lingua tanto na súa actividade pública como privada. 

Manuel María participou moi activamente en todas cantas iniciativas sociais en favor da lingua e da súa normalización se produciron no seu tempo e nunca deixou de acudir ás mobilizacións cidadás convocadas para exixir das administracións públicas igualdade de dereitos para o galego. Por esa razón, amigas e amigos da Casa-Museo Manuel María farán que a súa imaxe e os seus textos estean mañá presentes e visíbeis na manifestación convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego, da que a Fundación Manuel María de Estudos Galegos é parte integrante desde a súa creación. 

Así, elaboráronse unha serie de estandartes con imaxes e textos de Manuel María que amigas e amigos da Casa-Museo portarán durante o percorrido da manifestación, que parte ás 12 da mañá da Alameda de Compostela. Calquera persoa que o desexar poderá portar algún destes estandartes: terase que achegar ao punto de encontro estabelecido, ás 11.50 xunto á Cafetaría Alameda, na Porta Faxeira.