Noticias

A TVG2 emite esta noite tres documentarios sobre Manuel María

vlcsnap-2017-04-05-10h48m36s081.png

05/04/2017

Esta cuarta, ás 22.45, a TVG2 ten programado a emisión dos documentais Manuel María, paixón de palabra e terra; Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra e O carro

O primeiro será o audiovisual Manuel María, paixón de palabra e terra, nominado aos Premios Mestre Mateo 2017 na categoría ao mellor documental. Dirixido por Jairo Iglesias e Mikel Fuentes, con guión de Anxa G. Refoxo e Jairo Iglesias e música de Carlos Seijo, o audiovisual foi realizado pola Casa-Museo Manuel María e producido por Pixel Films. Cunha duración de 35 minutos, a fita fai un percorrido por distintos aspectos vitais de Manuel María desde a ollada e a palabra de quen foi a súa compañeira vital durante case medio século, Saleta Goy, hoxe presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, a entidade que xestiona a Casa-Museo que desde o ano 2013 acolle o legado do poeta no seu Outeiro de Rei natal.

O relato de Saleta, auténtico fío condutor da peza, vaise combinando con imaxes e fragmentos orixinais de diversos recitados poéticos, entrevistas concedidas e intervencións públicas do propio Manuel María, de maneira que se estabelece entre a parella protagonista, xa desde o inicio, o mesmo diálogo cómplice que orixinou unha vida compartida durante tantos anos.  

Ás 23.20 está programado Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra, un filme de Margarita Ledo Andión e producida por Nós, Produtora Cinematográfica Galega, con guión de Margarita Ledo e Carme Vidal e música de Paulino Pereiro. A fita, cunha duración de 27 minutos, tenta desvelar os interrogantes que teñen a ver co paso que dá o autor para se pór a escribir en galego a comezo dos anos cincuenta; coa relación empática con lugares de seu e cunha actividade inmensa e diversa que o levou mundo adiante por milleiros de actos, presentacións, feiras, festas, manifestacións...
E finalmente, para as 23.50 está programado No bico un cantar: O carro, dirixido por Senén Bernárdez e presentado por Arturo Fernández, o documentario xira sobre o poema “O carro” de Manuel María e a música composta por Baldomero Iglesias sobre este poema.