Noticias

A nova edición de "Laio e clamor pola Bretaña" preséntase este 25 de xullo no FESTIGAL

portada-laio.jpg

22/07/2016

Será ás 16.40 na galería das ideas e das letras (Campus Sur Universitario) e presentarán o libro Francisco Rodríguez, que escribe o prefacio da nova edición, Alberte Ansede e Saleta Goi

A quinta edición do libro de Manuel María "Laio e clamor pola Bretaña" será presentada este luns dentro das actividades do FESTIGAL, festival das músicas, das letras e das ideas que se celebra no Campus Sur Universitario de Santiago de Compostela o 24 e o 25 de xullo.

A presentación será o 25 de xullo, ás 16.40, na galería das ideas e das letras e intervirán Francisco Rodríguez, que como na primeira edición de 1973 escribe o prefacio, Alberte Ansede e Saleta Goi.

"Laio e clamor pola Bretaña" é un emotivo, apaixonado e rexo alegato a prol dos dereitos dos pobos sen Estado a decidiren por si mesmos. Manuel María, tras unha viaxe pola Bretaña en 1972, escribe este poema significativo, senlleiro  e vixente en que denuncia a situación da nación bretoa (emigración, represión centralista, lingua perseguida, subdesenvolvemento, explotación, abandono e colonización), identifícase como galego nela e canta a súa redención.

A nova edición, con capa de Julián Díaz, dá a posibilidade, a través dun código, de descargar un audio con todo o poema Laio e clamor pola Bretaña na voz de Manuel María.