Fundación Manuel María de Estudos Galegos
04/04/2014
Ferrol, Pontevedra, Lugo, Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Lalín… serán algúns dos lugares de Galiza onde se desenvolverán estes actos
A Fundación Manuel María convida ao pobo galego a participar nesta homenaxe pública e popular a Manuel María
A Fundación Manuel María, a través da súa presidenta Saleta Goy e o seu secretario Alberte Ansede, presentou esta mañá en rolda de prensa a actividade Manuel María, na túa voz. A actividade que promove a Fundación consistirá na lectura pública da obra Manuel María o vindeiro día 23 de abril, Día Internacional do Libro, en distintas cidades e vilas de Galiza.
Manuel María, na túa voz pretende ter unha dimensión e repercusión importante por todo o país, será unha homenaxe e celebración pública e popular en que “fale o propio Manuel María mediante a súa obra”. Obra que será lida, recitada ou cantada polos seus destinatarios, o pobo galego, ao cal se lle fai un convite aberto, por parte da Fundación Manuel María, para que acuda aos actos que se celebren nas distintas localidades e desfrute ben como lectores, ben como público.
Esta actividade acordouse recentemente coa FEGAMP trasladala a todos os concellos de Galiza para que en torno ao día 23 de abril ás 12 horas os concellos, xunto ás entidades culturais, veciñais, deportivas…, se animen a convocala. Ferrol, Pontevedra, Ourense, Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela, Lalín… son algúns dos lugares onde xa se coñece que se realizarán estes actos, os cales serán organizados nalgúns casos por entidades culturais con ou sen colaboración dos concellos, e noutros polas propias entidades municipais.
Os representantes da Fundación Manuel María tamén fixeron fincapé a que os centros educativos participen da actividade, quer preparando co alumnado distintas lecturas para acudir conxuntamente coas persoas adultas o sábado 23 de abril, quer celebrando, na véspera, a devandita actividade nas propias escolas.
Por último, salientouse que xa se recibiron comunicacións dalgúns centros galegos de Europa e doutros lugares do Mundo nos que se van facer lecturas da obra de Manuel María. A Fundación tratará de recoller estes actos para teñan repercusión a través das TICs.