Noticias

A FEGAMP e a Fundación Manuel María de Estudos Galegos asinaron un convenio marco de colaboración.

fegamp_convenio.jpg

O convenio establece as bases de colaboración para a creación da Casa Museo Manuel María.


A Fundación Manuel María de Estudos Galegos vén de asinar un convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) que ten por obxecto a creación dun marco de acordos de mutua colaboración entre as Entidades Locais de Galicia e a Fundación que permitirá, por unha parte, a realización de actividades nos concellos relacionadas coa promoción e desenvolvemento da cultura e lingua galegas e, pola outra, axudar á Fundación para a adquisición da casa natal de Manuel María e o acondicionamento da mesma para convertela en Casa Museo do escritor.

O acto de sinatura realizouse o día 13 de xullo na sede da FEGAMP. Nel estiveron presentes don Carlos Fernández como Presidente da institución que agrupa aos concellos galegos e as catro Deputacións e dona Saleta Goy, viúva do escritor e  Presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos.

O proxecto da Casa Museo xa recibiu numerosos apoios por parte de diferentes institucións públicas, empresas privadas e de particulares, entre os que destaca os da Deputación de Lugo, o concello de Monforte e a Deputación da Coruña, cidades ás que Manuel María estivo moi vinculado na súa mocidade, na súa madurez e nos últimos anos da súa vida, respectivamente. O presente convenio coa Fegamp vai estender o proxecto ao conxunto do País na medida en que esa institución se compromete a difundir, avalar e potenciar o contido deste Convenio entre as Entidades Locais de Galicia, recomendando ás mesmas asinar os respectivos Protocolos de Adhesión.