Noticias

A emoción dos espazos

5-de-xullo-2.jpg

Anxa G. Refoxo, amiga e colaboradora da Casa-Museo Manuel María escribiu recentemente este artigo na web da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega sobre as Casas-Museo e a súa reapertura tras o confinamento

As Casas-Museo, referencias culturais do país, volven abrir despois destes meses de emerxencia sanitaria. Son fundamentais para entender a creación literaria destes autores e autoras, son a fonte na que beben para crear a súa obra. 

Gardo dentro de min toda a fragancia
dos amados rincós da miña infancia
e os recendos que tiña a vella casa.

Manuel María

Despois duns meses fomos vendo aparecer as novas da apertura das Casas-Museo, esas outros lugares referencias literarias como país.

Narraba Tolkien ‘Nunca se deixaba que a Fogueira dos Contos se apagase ou morrese en cinzas grises’. E non se deixou. Durante este tempo non faltou a literatura na voz voluntaria e xenerosa de tantas e tantos. Mais si faltaron espazos, eses outros espazos.

Algúns deses puntos físicos son as Casas-Museo, que xa están marcando coa súas diversas convocatorias días de referencia no noso calendario persoal anual. Espazos repensados, reconsiderados como lugares de vida porque vida foron.

Indicaba Pepe Barro deseñador e autor do novo proxecto museográfico da Casa-Museo de Rosalía: Na Casa de Rosalía hai agora moito que ver: máis pezas, máis información, máis emoción!

Xusto é a emoción un dos conceptos que se está conseguindo transmitir nestes Casas reideadas. Dentro dun novo concepto, os elementos que as compoñen ofrecen outras dimensións. O obxecto, a imaxe deixa de ser algo alí depositado. Deixar de ser estanque para ser fonte.

Na mesma liña se expresaban Xan Casabella e Xosé Díaz Vieites arquitectos da Casa-Museo Manuel María cando sinalan que certos elementos arquitectónicos da Casa de Hortas foron interpretados cunha intención calidoscópica, que permitindo observar o elemento físico vivencial e o elemento literario simultaneamente levaría a unha visita activa, creativa. Esa fonte.

E non só o edificio en si. A contorna natural máis persoal está a integrarse nesta idea de Casa-Museo.

Aí estararán os lugares que foron da man de Rosalía até a súa morte:

I a Padrón, ponliña verde,
fada branca ó pé dun río,

A paisaxe de referencia permanente na obra de Pondal:

eu nacín cabo de pinal espeso,
eu nacín na pequena Ponteceso.

Outeiro, indivisible de Manuel María:

Ámote, Outeiro, como non amei
a terra algunha.

Deixamos aquí a preciosa visita virtual á Casa de Hortas convertida en Casa-Museo, da Fundación Manuel María e realizada por Jairo Iglesias: https://www.youtube.com/watch?v=uYh6AwFuSKI

Benvida sexa pois a apertura de novo destes espazos da literatura espallados por todo o país, unha literatura que ademais é lingua.

O pobo que deixa perder a súa palabra
creada, herdada, usada, revelada,
aquela que lle é propia e singular,
a que é unicamente súa,
está empobrecendo o mundo
e perpetrando o seu propio xenocidio.

Manuel María