Noticias

A CASA MUSEO MANUEL MARÍA TAMÉN FESTEXA O 17 DE MAIO MÁIS DIAZCASTRIANO

p49a.jpg

16/5/2014

Xosé María Díaz Castro será o protagonista central da xornada deste sábado na Casa Museo en Outeiro de Rei.

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos anima a visitar a Casa de Hortas, onde van estar preparadas durante todo o día distintas propostas orixinais para traballar coas e cos visitantes que se achegaren, centradas na relación persoal e literaria entre Manuel María e Díaz Castro.

Dicía Manuel María que a Terra chá era unha auténtica “patria poética” cun aquel que a facía territorio idóneo para a ensoñación e a creación literaria e que iso explicaba que dela fosen saindo tantos autores e autoras para as letras galegas. Con Xosé María Díaz Castro as letras galegas fanse chairegas e a Fundación Manuel María de Estudos Galegos anima a achegarse este sábado á comarca de nacemento do autor homenaxeado e á do propio Manuel María.

A Casa Museo Manuel María en Outeiro de Rei -emprazada na que foi casa natal do poeta, a Casa de Hortas -abrirá as súas portas co horario habitual de todos os sábados (11 a 14 e 16.30 a 18.30 horas) e ofrecerá ás persoas que a visitaren diferentes propostas que buscan facer do Día das Letras unha xornada especial na que Xosé María Díaz Castro será protagonista central.

O auditorio da Casa Museo acolle desde hai varios días unha mostra fotográfica e documental que dá conta da relación literaria e persoal existente entre Díaz Castro e Manuel María. Unha das iniciativas que se proporá ás persoas visitantes da xornada é a gravación da lectura dun poema de Díaz Castro (con cámara, dispositivo móbil, etc). Dáse, así mesmo, a posibilidade de gravar o recitado desde a casa ou desde outro lugar, para que non se puider achegar fisicamente a Outeiro de Rei, e igualmente envialo á Fundación: as gravacións pódense enviar a fundacion@manuelmaria.com. Todas xuntas comporán logo un videopoema colectivo de homenaxe ao poeta dos Vilares.

Outra das propostas que a Casa Museo formula a quen a visitar o sábado é sumarse á moda do selfie fotográfico e autorretratarse incluindo, neste caso, a Díaz Castro e ao propio Manuel María na autofotografía para logo difundir a imaxe nas redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram).

Todas e todos os visitantes da Casa Museo durante a xornada das Letras recibirán como agasallo un exemplar de Terra chá, obra que este ano está de 60 aniversario, nunha edición especial preparada polo xornal chairego Terra cha.xa, a área de Cultura da Vicepresidencia 1ª da Deputación de Lugo e a Fundación Manuel María de Estudos Galegos