Noticias

A Casa-Museo Manuel María estará presente coas súas publicacións no Festival 27313 de Begonte

27373_2016_web.jpg

12/08/2016 - Clube Fluvial de Begonte

O Clube Fluvial de Begonte acolle un ano máis un dos festivais musicais de referencia na Terra Chá durante o verán, da man da Asociación Cultural Castiñeiro Milenario. 

Concertos, aberto de billarda, un xantar popular ou actividades recreativas para toda a familia convidan a vir pasar unha xornada única en terras begontesas

A Casa-Museo Manuel María disporá dun stand propio no Festival 27313 de Begonte, que este sábado 13 de agosto se desenvolverá durante todo o día no Clube Fluvial de Begonte, á beira do Río Ladra. Nel todas as persoas interesadas poderán coñecer, e adquirir se o desexaren, calquera das publicacións de Manuel María editadas nos últimos meses desde a Casa-Museo, ben como outros materiais relacionados co escritor de Outeiro de Rei. 

A Casa-Museo e Fundación Manuel María de Estudos Galegos agradece á Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte, entidade organizadora do Festival, a súa boa disposición para acollernos no seu espazo e o apoio que están a prestar en canta iniciativa ten relación con Manuel María e a Terra Chá. Ao tempo, damos os nosos parabéns polo suceso, seguro que extraordinario, do Festival 27313, unha cita cen por cen comprometida coa cultura galega que cada verán se vai consolidando.