Noticias

A Casa-Museo Manuel María e a súa sementeira de humanismo

vlcsnap-2020-07-14-17h11m20s012.png

Artigo de Felipe-Senén en Nós Diario o pasado 10 de xullo

Gustaba Manuel María de viaxar, de andar e ver o mundo, de contrastalo dende o seu sistema métrico, aquel que tiña como coherente unidade de orixe a súa tribo de Outeiro de Rei e Galiza como Nación. Ansia de saber ceibe que se estendía polas terras e os tempos de todo clasicismo, catando, entre pan viño e queixo, a poesía da terra e das cousas, para logo compartila a través da palabra. E non lle abondaba con someterse á tópica ditadura da vista, senón enxergando, poñendo todos os sentidos, intuicións e a súa singular cultura, herdada, aprendida e contrastada nos libros, nos parladoiros e nos camiños da vida. Ansioso de poñer o pe onde o puxeron deuses, poetas e sabios, sobre templos, casas e tumbas, nesa harmonía entre a paisaxe e a paisanaxe, que el, como os seus admirados saudosistas lusos, gustaban dicir.
Como aqueles modernistas da celebrada Xeración Nós, Manuel María prefería a viaxe feita a pe e de vagar, enxergando os “locus amoenus” que inspiraron aos seus admirados, aínda que tampouco lle poñía peros a facelos naquel seu primeiro “Corsa” conducido por Saleta, e co que deu a cumprimento a vellos desexos, “tripar” a Terra, Galiza, Portugal, Andalucía, Euskadi... Mesmo superando a negativa a meterse nun avión ante a tentadora viaxe ao Crecente Fértil, onde naceron tantas historias bíblicas que ben sabía. Despois da viaxe a Caracas, volvería a meterse nese “tubo de latón”, algo que o desnortaba.
 Ben sabía as Orillas do Sar e a Compostela de Rosalía, ben coñecía a inspiradora Casa da Matanza de Padrón, en orixe, humilde, popular, coa hortiña.... Como a Casa Grande de Trasalba coa solaina de pedra, onde don Ramón Otero Pedrayo leeu, xa de neno As Memorias de Ultratumba...miradoiro de bocarribeiras e ao fondo o Coto de Novelle, confluencia dos cinco ribeiros Barbantiño, Miño, Avia, Arenteiro e do Arnoia. Casas que son o corazón xeoestratéxico. O Pazo de Pascôaes no Gatao de Amarante, a que acolleu concorridos parladoiros, onde aniñou o saudosismo da imitada Renacenza Portuguesa.... A casiña de Miguel Torga na aldea trasmontana de San Martiño da Anta , a da ermida de Nossa Senhora da Azinheira avistando a serra do Marâo e o Douro...camiños do grande romántico Castelo Branco. A Celanova de Curros, de Celso Emilio; a Ponteceso de Pondal, a Casa de Novoneyra en Parada do Courel... cerna onde se dignificou a Terra.
Toda a obra de Manuel María é como unha agradecida peregrinatio a través da vida, a que por moi longa que sexa non da nin pra coñecer un anaco da inmensidade labiríntica de Galiza, teimaba. Matizando o devalar das horas, das estacións,  da luz e das sombras dende a alborada ao solpor.
Coñeceu a casa, as leiras do seu admirado poeta Francis Jammes en Orthez no País Vasque.... Mesmo pousando tamén os pasos onde os puxo Antonio Machado, Sevilla, as aulas de Segovia, Soria ... o camiño do exilio e da morte, Collioure coa Pensión Quintana e aquela campa sobre a que, necesariamente, habería que pousar unha rosa branca, outra roxa e unhas verbas... O Moguer e a Casa de Juan Ramón Jimenez, o itinerario de Platero... A Synera (Arenys de Mar) de Salvador Espriu, a casa co xardín das cinco árbores e a tumba naqueloutro cemiterio mariño, inevitablemente comparable co de Paul Valery en Set ou co coruñés do Santo Amaro...
Na Bretaña visitou Manuel María o castelo de Combourg de Chateaubriand e a súa casa de Saint Malo, dando pe a paralelismos entre a casa grande de Trasalba e a da rúa da Paz de don Ramón.... Na vila sarda de Nuoro entrou na Casa Museo da escritora  Graza Deledda, rural, con horta, carro....como na de Pirandello na siciliana Agrixento, con aquel piñeiro manso baixo o que quixo ser enterrado o dramaturgo... E Florencia, Rávena sobre os pasos e os amores do Dante...Mesmo a Roma do cemiterio literario do Testacceo... ate teimando en visitar a quinta do poeta Horacio e a súa fonte de Bandusia...Amante o chairego das míticas fontes das ninfas: a de Castalia en Delfos, a de Aretusa en Siracusa, a de Nemausus en Nimes...a fontana de Vaucluse, retiro  para un Petrarca tolo de amor por Laura. Fontes nas que o chairego, aínda sendo de viños, se permitía un grolo de auga.
“ O camiño é unha nostalxa”  entre lugares ao cabo do tempo transtornados,. E témolo falado que o mellor xeito de entender  a orixinalidade dun creador é furando nas súas orixes. Mal sabía Manuel María que ao cabo do tempo a súa Casa de Hortas, embigo , a súa ”Imago mundi” fose centro nesa misión de que a cultura é o que o ser humano cultiva: HUMUS=HUMANO=HUMANISMO.