Noticias

A Casa-Museo Manuel María convoca un concurso escolar de videopoemas

0001-(1).jpg

22/02/2017 - Casa-Museo Manuel María, Outeiro de Rei

Poderá participar neste concurso alumnado de 3º da ESO en diante, ben de xeito individual ben en grupo 

Os videopoemas deberán ser feitos sobre a obra en galego de Rosalía ou sobre a obra de Manuel María 

A Casa-Museo Manuel María convoca un novo concurso no ámbito escolar, dirixido a todo o alumnado do ensino non universitario a partir de 3º da ESO. Trátase dun concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía de Castro e de Manuel María. 

O concurso ten a finalidade de potenciar a creatividade artística do alumnado a través da conxunción da palabra, o son e a imaxe e, ao mesmo tempo, a difusión da obra poética en galego de Rosalía e a obra de Manuel María, dúas das voces máis destacadas da poesía galega. 

As bases estabelecen unha única categoría para a participación neste certame, que vai de 3º da ESO até 2º de Bacharelato, incluindo Ciclos Formativos e ensinanzas artísticas. 

Os videopoemas participantes deberán ser construídos sobre a base dun poema en galego de Rosalía ou dun poema de Manuel María. O poema escollido deberá aparecer nalgún momento do vídeo sobreimpreso, con independencia de que apareza tamén doutros xeitos. As videocreacións deberán presentarse en formato MP4 e non excederán dos 3 minutos de duración (incluídos os créditos, se os houber). As bases estabelecen que se debe tratar de pezas orixinais e inéditas. Caso de seren empregadas músicas, imaxes ou textos alleos deberán estar libres de dereitos de autor para as pezas seren aceptadas. 

Os centros interesados en participaren nesta iniciativa deberanse preinscribir antes do día 7 de abril por escrito, mediante o envío dun correo electrónico ao enderezo contacto@casamuseomanuelmaria.gal. Seralles confirmada a recepción da preinscrición a través de correo electrónico nas 48 horas seguintes a máis tardar. Os traballos deberán ser enviados antes do día 27 de abril por calquera medio dixital. Antes do 8 de maio a Casa-Museo comunicará os videpoemas seleccionados para a súa proxección na Casa-Museo. 

Dita proxección levarase a cabo nun acto público aberto que se celebrará o sábado 20 de maio na Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei. Alí o xurado escollido, composto por persoas alleas á organización, valorará os traballos seleccionados e escollerá os premiados.