Fundación Manuel María de Estudos Galegos
06/04/2016 - Casa-Museo Manuel María, Outeiro de Rei
As vixésimo quintas Xornadas de Lingua e Literatura, organizadas pola CIG-Ensino e pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), celebran este curso un cuarto de século de achegas e encontros arredor da lingua e da literatura de noso, recordando que tiveron a inmensa fortuna de contaren en moitas ocasións coa colaboración e o maxisterio de Manuel María
A Casa-Museo Manuel María acollerá durante toda a xornada do sábado 9 de abril a vixésimo quinta edición das Xornadas de Lingua e Literatura, organizadas pola CIG-Ensino e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). Festexar o cuarto de século destes encontros dirixidos ao profesorado arredor da renovación pedagóxica no ensino da nosa lingua e da nosa literatura e tamén homenaxear a Manuel María, que en moitas ocasións achegou o maxisterio da súa palabra e a súa desinteresada colaboración ás xornadas, deron nun programa que desta vez será monográfico arredor do poeta nado en Outeiro de Rei da Terra Chá.
Eis o programa da xornada:
- 10 da mañá: Recepción e entrega de materiais.
- 10.30 a 11.30: Conferencia de Manuel López Foxo (estudioso e antólogo do escritor): "Manuel María. O país é tamén unha viaxe cara a adentro".
- 11.30 a 12.30: visita guiada á Casa-Museo
- 12.30 a 14 horas: Exposición dos recursos didácticos para Primaria e para Secundaria elaborados arredor de Manuel María.
María Barca Gómez (CEIP Milladoiro) e Marta Barca Gómez (CEIP Eduardo Pondal): unidades didácticas para Infantil e Primaria.
Anxo Gómez (CPI Vicente Otero Valcárcel de Carral): unidade didáctica para ESO "Ferrados de corazón. Fanegas de alma".
-16 a 20 horas: roteiro pola contorna (espazos referenciais da obra de Manuel María, incluída a Lagoa de Cospeito): Alberte Ansede, María Calvo e Mateo Docampo.
- 20 horas: Espectáculo: A maxia de Manuel María. Martín Camiña (ilusionista): espectáculo de entrada libre até completar o aforo do auditorio (é preciso reservar previamente a localidade enviando un correo-e a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao teléfono 698 177 621 -preferentemente a partir das 18 horas).
Matrícula: gratuíta (cóbranse 6 € por persoa para sufragar os gastos do autobús necesario para o roteiro da tarde).
Para a inscrición nas xornadas cómpre entrar na páxina web da CIG-Ensino: www.cig-ensino.gal ou da AS-PG: www.as-pg.gal.