Noticias

A Casa-Museo reedita "Ritual para unha tribo capital de concello"

ritual-libro-2.jpg

O poemario é un canto lírico-etnográfico da tribo natal de Manuel María


 

A Casa-Museo decidiu despedir este excepcional ano das Letras coa reedición do poemario Ritual para unha tribo capital de concello. Neste libro a intimidade, as lembranzas, a historia persoal e colectiva, as vivencias, as identificacións coa natureza, os retratos de familia, a denuncia social, as romarías, as lendas, os ritos, os traballos...fanse presentes no espazo vital dunhas xentes e dun pobo, Outeiro de Rei, que ama, que sente e que ergue poeticamente desde a lembranza da súa infancia para ir avanzando no tempo até o presente-futuro do seu non ser físico.

Ti sabes, Outeiro, que eu son Hortas / e recoñécesme por teu, aínda que / non me ames e me trates como alleo...son os primeiros versos dun libro composto por setenta e sete cantos de amor á tribo natal que foi publicado por primeira vez en 1986 e que forma parte xunto a Escolma de poetas de Outeiro de Rei e Sonetos á Casa de Hortas do ciclo outeiriano.