Noticias

A app con poemas de Manuel María do alumno de Cambre Alberto Suárez é recoñecida internacionalmente por App Inventor

aplicacion-mobil-mm.png

22/11/2016

A plataforma, xestionada polo Instituto Tecnolóxico de Massachusets, convoca cada mes un concurso e escolle as mellores apps en catro categorías diferentes de entre as miles que se presentan

A aplicación, que se pode descargar gratuitamente a través de Play Store, foi unha iniciativa desenvolvida o curso pasado por alumnado do IES David Buján de Cambre baixo coordinación dos departamentos de Lingua Galega e Debuxo

O ano 2016 está a caracterizarse pola profusión de iniciativas de todo tipo arredor da figura de Manuel María e da súa obra literaria con motivo de se lle dedicar o Día das Letras Galegas. Ao amplo abano de publicacións aparecidas nos últimos meses, exposicións ou actos públicos hai que engadir o salientábel o número de recursos divulgativos, moi especialmente no ámbito do ensino.

Un dos recursos máis innovadores e orixinais dos aparecidos nas aulas ten sido a app sobre a poesía de Manuel María para dispositivos móbiles con sistema operativo Android creada polo alumno do IES David Buján de Cambre Alberto Suárez; unha iniciativa coordinada polos departamentos de Debuxo e Lingua Galega que contou coa colaboración da Casa-Museo Manuel María. O seu gran valor engadido é, precisamente, o de ter sido creada e desenvolvida polo propio alumnado en aspectos chave como a programación ou o deseño gráfico.  

Esta aplicación, de orixe escolar mais posta a disposición de todos os públicos, vén de resultar o pasado mes de outubro premiada como a app “máis creativa” no concurso que mensualmente realiza App Inventor, unha plataforma mundial de código aberto creada polo Google e xestionada desde o Instituto Tecnolóxico de Massachusets.

Todos os meses millares de apps de todo o mundo presentan a súa candidatura e App Inventor escolle gañadoras en catro categorías diferentes. Este recoñecemento á app sobre a poesía de Manuel María supón, sobre todo, unha gran visibilidade para o recurso, pois a ligazón a Play Store desde a que se pode acceder é situada na páxina de App Inventor, ademais dun xusto recoñecemento ao traballo feito polo equipo creador desta ferramenta: http://appinventor.mit.edu/explore/app-month-gallery.html

A aplicación recolle un total de 20 poemas de Manuel María, dez deles ilustrados por un grupo de alumnas e alumnos da materia de Debuxo artístico de 1º de Bacharelato e outros dez recitados polo propio escritor. Os poemas ilustrados pertencen aos libros Terra Chá (1954) e Sonetos á Casa de Hortas (1997), no entanto entre os audios pódese escoitar desde calquera lugar ao mesmísimo Manuel María recitar composicións tan clásicas como Terra Chá, Acuso á clase media, A fala, Ollos de nenos ou O poema.

Eis a ficha técnica completa do recurso: http://www.edu.xunta.gal/centros/iesdavidbujan/node/1038