Noticias

40 anos de "Poemas para construír unha Patria"

053_poemas_para_construir_unha_patria.png

13/07/2017

Poesía galega, temática, formal e tensionalmente galega e para Galiza

Nestas datas próximas ao Día da Patria de hai 40 anos, 1977, saiu do prelo o poemario de Manuel María "Poemas para construír unha Patria".

O libro, salienta Camilo Gómez Torres, foi redactado nun tempo, verán-outono de 1975, marcado pola represión que as clases traballadoras galegas e o nacionalismo estaban a sufrir. "A fundación en abril da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) e en maio do primeiro sindicato nacionalista, o Sindicato Obreiro Galego (SOG), o boicot das eleccións a cargos sindicais e a intensificación da loita obreira foron contestadas pola ditadura franquista cunha brutal e sanguenta represión no mes de agosto"

"E mentres todo isto acontecía -sinálanos Gómez Torres no seu libro "A poesía de Manuel María" (2016)- Manuel María permanecía encamado por mor dunha doenza que o obrigou a un retiro case total..., coa carraxe e a dor que xeran as novas que lle chegan diariamente, van nacendo os vinte e cinco poemas en que canta con sincero e sentido amor o traballo xeneroso de tantas galegas e tantos galegos que co seu esforzo e sacrificio fixeron avanzar o movemento nacionalista en todas as súas frontes de loita".

O poemario, editado pola Frente Cultural da AN-PG, foi distribuído entre a militancia e simpatizantes da AN-PG, esgotándose após o Día da Patria de 1977.

O libro converte, segundo Gómez Torres, en materia poética todas as expresións da loita política e sindical do día a día galego e experimenta unha variada e novidosa recursividade formal no intento de abrir e explorar novos camiños na creación dunha lingua poética galega, libre de dependencias e de servidumes alleas.