Noticias

Espectáculo LÚAS DE OUTONO 2013

tarxeta luas 2103.jpg

Teatro Colón da Coruña, xoves 19 ás 20:30 h.

Con entrada libre e gratuita até completar aforo, este próximo xoves celebrarase a quinta edición do espectáculo "LÚAS DE OUTONO" que este ano reúne música, maxia e audiovisual.

 

 

Desde que se constituiu a Fundación Manuel María de Estudos Galegos vense celebrando anualmente nesta cidade un espectáculo que tenta recrear de xeito diverso a obra deste escritor e que se realiza no mes de setembro. “Luas de Outono, que así se chama xenericamente o espectáculo, chega este ano á súa quinta edición e levarase a cabo o próximo xoves día 19, ás 20:30h no Teatro Colón con entrada libre e gratuíta ata completar o aforo.

O acto do próximo xoves día 19 postúlase como un recoñecemento e unha homenaxe ao escritor, mais sobre todo como un xeito de coñecer, desfrutar e celebrar a palabra viva de Manuel María a través da música, do audiovisual e da maxia. A súa obra literaria e a súa figura son as que inspirarán as manifestacións artísticas da noite do xoves.

O programa é moi variado e contén música, maxia e audiovisual. Comezará coa estrea do video-documental “Andei todos os camiños” realizado por Pixel Films baixo a dirección de Anxa González Refoxo. Neste traballo poderanse apreciar aspectos do interior e do exterior da casa natal do escritor, agora convertida en Casa Museo, sempre guiados pola poesía de Manuel María. Efectivamente, Manuel María andivo todos os camiños literarios e tamén todos os camiños do territorio. Cultivou todos os xéneros literarios e dentro do xénero poético fíxoo dentro das máis diversas temáticas, métricas e estilos. En canto ao territorio coñecía o País palmo a palmo e percorreuno parroquia por parroquia para levar as súas conferencias, recitais, pregóns, encontros co alumnado dos centros de ensino ou a súa participación en algún acto de carácter cultural, social ou político. No documental incorpóranse imaxes da Casa Museo do escritor que a Fundación acaba de inaugurar unha vez levadas a cabo as obras de remodelación. Alí albérgase todo o seu legado literario e humano, desde a importante biblioteca, a colección de obras de arte, pasando pola cuantiosa base documental até os obxectos curiosos e máis íntimos do escritor. Esta casa estará aberta durante os fins de semana para o público en xeral e pola semana, previa cita, para os escolares.

O programa da noite continuará coa actuación do mago Martín Camiña que realizará algúns números preparados para a ocasión e que toman como motivo a figura do escritor homenaxeado. É a primeira vez que no espectáculo “Lúas de Outono” se incorpora a maxia. Martín Camiña ten levado a súa maxia por toda Galiza e moitos lugares do Estado español, así como a Portugal, Alemaña ou Xapón, conseguindo recoñecementos tan importantes como o 3º premio de España de maxia de cerca ou o Premio da Asociación Portuguesa de Ilusionismo.

Finalmente desenvolverase a parte musical, sempre presente, pois seguramente sexa Manuel María o poeta máis musicado dentro da nosa contemporaneidade, despois de Rosalía de Castro. Protagonizarán este apartado dúas voces femininas moi singulares: Pilocha e María Manuela. A primeira ten unha longa traxectoria profesional desde a gravación do seu primeiro disco no ano 1978 do que aínda permanece no recordo a súa interpretación do “Sacristán de Coimbra”. Tamén ten colaborado en moitas ocasións co grupo Milladoiro tanto en concertos como nas gravacións.

María Manuela ten gravados unha ducia de discos desde que en 1974 publicara o seu primeiro traballo. Nesta traxectoria, feita en parte co seu compañeiro Miguel (coñecido como O Tranquilo), musicou abundamente a Manuel María. Unha selección deses temas será o que nos ofreza na noite do xoves.

Saleta Goy, viúva do escritor e Presidenta da Fundación, afirmou que “agradecía á cidade da Coruña o cariño co que nos recibiu a Manuel e min cando viñemos vivir aquí. Este cariño síguese mostrando cada ano na numerosa asistencia a este acto e agardamos que tamén este ano se volva a producir”.

O acto será presentado por Xurxo Souto.