Noticias

Sae á luz a obra inédita de Manuel María "Cecais hai unha luz"

im.jpg

A obra está escrita en 1979 e xa está á venda en todas as librarias.

 Na época en que xa devalaba a súa vea político-social que tan merecidamente convertera Manuel María nun dos autores máis lidos e admirados da época, esta obra móstranos un poeta intimista e maduro, dono dos segredos da arte literaria máis auténtica e posuidor igualmente dunha variedade de rexistros consubstancial a un poeta vocacional como era el.

 

INVOCACIÓN

 

Ese ar fadado, case leve terra,

en que sementamos

a delicada flor da nosa voz,

é a transparencia,

toda a marabilla deste mundo.

 

Esa auga lustral, que lava

todos os lixos e morrallas

e endexamais se gasta,

é a pureza,

toda a virxindade deste mundo.

 

Ese lume ledo, chameante e vivo,

que aquece, queima, incendia

e non se apaga,

é a paixón,

toda a claridade deste mundo.

 

Esa terra humana que nos contén,

materia delicada e poderosa

con argumento de soños e cancións,

é a vida,

todo canto temos neste mundo.

 

E ese limpo amor que nos posúe

e que nace misteriosamente

na sagrada fonte de nós mesmos,

é o noso ser,

a única verdade deste mundo.