Noticias

A farsa de Bululú

Representación da peza teatral "A FARSA DE BULULÚ" pola compañía Teatro do Morcego. Estreouse en Pontevedra o 27 de novembro de 2005 e percorreu logo todo o País.

TEATRO DO MORCEGO

Presenta:

A FARSA DE BULULÚ

De Manuel María.

Con: Miguel Varela, Maxo Barjas, Paco Campos, Miro Magariños, Santiago Cortegoso, Marian Bañobre, Francisco Paredes, Mundo Villalustres, Alberto Barreiro.

Dirección: Celso Parada.

Vestiario: Carlos Alonso.

Escenografía: Pablo Giráldez “Pastor”.

 

A Farsa de Bululú rematouna de escribir Manuel María en 1970 e é unha sátira política escrita en clave por mor da censura. Fai referencia á situación política dos anos do franquismo. Así Bululú é o ditador Franco; o Gran Mariscal é Carrero Blanco, a Raíña Facunda é Carmen Polo e os demais personaxes diferentes especimes do réxime franquista nunha crítica clara ao exército.

Esta farsa que bebe nas fontes satíricas da tradición galega do escarnio e maldicir, ten claras referencias valleinclanescas e tamén lorquianas e mesmo, aínda que Manuel María parece ser que non coñecía o Ubú Roi de A. Jarry, ten tamén certas semellanzas interesantes con esta gran obra do teatro do absurdo, como moi ben teñen apontado Lourenzo e Pillado na súa obra “O teatro galego”. Nós escollemos esta obra de Manuel María porque representa, se se quere, a metáfora do militarismo actual no mundo; e foi ese carácter antimilitarista do texto o que nos levou a poñer en escena esta farsa que quere ridiculizar a megalomanía dos ditadores, o esperpento dun mundo onde calquera pretexto ridículo é xustificación para unha guerra, un conflito bélico, unha invasión, unha agresión, que detrás só agocha intereses económicos ou estratéxicos. Daquela detrás deste Bululú, tamén están os estrategas da violencia no mundo. Pero nós quixemos facer isto para rir, para rir e divertírnonos á conta destes personaxes e das súas mentiras. Bululú pois, pode ser a metáfora de calquera ditador, ou o mesmo gran ditador de Chaplin e a súa excentricidade ridícula. E nese sentido, o Teatro do Morcego, leva este esperpento ás técnicas do cabaré político ou do musical, para actualizar un pouco máis este Bululú de Manuel María e que o público poida velo cos ollos de hoxe.

Teatro do Morcego