A Casa Museo é o espazo no que se alberga o conxunto do legado de Manuel María e, ao mesmo tempo, a sede da Fundación. Foi inaugurada o día 7 de setembro de 2013. Está concibida como un espazo físico para acoller a biblioteca, manuscritos, obxectos persoais ou calquera outro feito relacionado con Manuel María e que sirva, ademais, como lugar de referencia para dar a coñecer a súa obra e figura entre o pobo galego, e en especial entre as novas xeracións.
- Supuxo a restauración dunha vivenda que é prototipo da casa chairega. Para iso o proxecto contemplou a corrección de algún dos engadidos que tivera a casa no transcurso do tempo. Deste xeito, os visitantes poderán achegarse non só a unha das figuras máis importantes da literatura galega, senón tamén a unha interesante mostra do rico patrimonio artístico-cultural da chaira luguesa.
- Os fondos que acolle a Casa Museo son de gran significación e singularidade o que lle confire unha relevancia incuestionábel. A título indicativo enumeramos os seguintes:
- Un fondo artístico moi importante, que inclúe obras de Castelao, Urbano Lugrís, Carlos Maside, Laxeiro, Luís Seoane, Sucasas, Alfonso Abelenda, Manuel Torres, Blas Lourés, Felipe-Senén, Reimundo Patiño, Xavier Pousa, Argüelles, Balboa, Díaz Pardo, Castro Gil...
- Unha BIBLIOTECA que contén unha das mellores coleccións particulares do libro galego ou sobre Galiza desde a postguerra até a actualidade.
- Numerosos documentos manuscritos de persoas relevantes da cultura galega coas que Manuel María mantivo estreita relación: Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego...
- Diferentes coleccións de obxectos particulares de Manuel María que servirán para ambientar a propia casa.
- Os elementos convencionais das Casas Museo que achegan á obra e á figura que se referencia.
- O servizo que debe supor para os veciños e veciñas de Outeiro de Rei e arredores, o dispor dunha infraestrutura cultural no mesmo centro da vila, cun auditorio moi singular que unha capacidade aproximada de 100 persoas onde se poderán celebrar non só as actividades da Fundación senón tamén as que programen outras entidades públicas e privadas.