Fundación Manuel María de Estudos Galegos
A biografía de Manuel María está intimamente vencellada á historia de Galiza da segunda metade do século XX. Como acontece coa obra doutros clásicos da literatura galega, o seu corpus literario é un espello da propia evolución da nación galega na súa realidade social, cultural e política. Estamos, en definitiva, ante un autor dunha terra e dun tempo, que traballou a palabra na lingua do país e que traballou polo país máis aló da palabra.
Despois de don Ramón Otero Pedrayo, a figura máis patriarcal da intelectualidade galega foi, sen dúbida ningunha, Manuel María. Formado culturalmente nun mundo rural que xa desapareceu e nas tertulias dos cafés onde poñían cátedra de amor a Galiza os vellos galeguistas, inicia a súa obra literaria aos dezanove anos, cando o idioma galego estaba proscrito, nunca época na que só o feito de escribir en lingua galega era xa un acto subversivo. Así, baixo o enorme lousón da ditadura franquista, foron nacendo os seus libros de poesía, narración e teatro, os recitais poéticos por todo o país e as súas múltiples conferencias e colaboracións xornalísticas, converténdose moi axiña na voz poética máis representativa da Xeración dos 50 e nunha das personalidades máis destacadas da cultura galega do pasado século, sendo, por outra parte, un dos escritores que máis se afirmou no compromiso político co país e que mellor entroncou o nacionalismo galego actual coa acción política de Castelao, ademais de ser un dos mozos que rompe co piñeirismo e que participa activamente desde os anos sesenta na reorganización do nacionalismo galego.
Agradecemos a imprescindíbel colaboración de CAMILO GÓMEZ TORRES para a elaboración da información biográfica e bibliográfica.