Casa-Museo > A contorna

 

1.- RUTA 1. "Pola Terra Chá con Manuel María" de Adela Leiro. Pulsa AQUÍ

2.- RUTA 2. "Pola lagoa de Cospeito" de Adela Leiro. Pulsa AQUÍ

3.- Presentación sobre os poemas do TERRA CHÁ. Pulsa AQUÍ

4.- PROPOSTA DE VISITA Á CASA-MUSEO E A SÚA CONTORNA:

Visitar a Casa Museo Manuel María e a súa contorna a través da propia obra creativa de Manuel María, permite descubrir e coñecer eses espazos e elementos capitais da súa obra, magnificamente relatados e poetizados por quen tanto os amou, e achegarse máis e mellor ao propio Manuel María.

A bibliografía básica para a visita:

Obra poética:
Sonetos á Casa de Hortas. 1997
Terra Chá.  1954
Os soños na gaiola. 1972
As rúas do  vento ceibe. 1979

Obra Narrativa:
A tribo ten catro ríos. 1991
Cando o mar vai polo río. 1992.
        ………………..


Índice:

1. A Casa-Museo
2. Outeiro de Rei
3. Pola Terra Chá da Man de Manuel María
4. Conservación e respecto polo patrimonio. Personaxe don Capitón
5. Recursos

1.- A CASA-MUSEO.

Iníciase a visita pola Casa-Museo Manuel María, “A Casa de Hortas”, situada no corazón de Outeiro de Rei e punto de partida para se adentrar nun percorrido pola obra do escritor. Esta típica casa labrega chairega foi a casa natal de Manuel María e acolle agora o conxunto do seu legado.

As visitas son sempre guiadas e nelas fornécese unha información básica axeitada ao público ao que van destinadas, cunha duración de 30 minutos a unha hora, segundo a disponibilidade e interese dos/as visitantes. Recoméndase facer a lectura, antes de a visitar, do poemario Sonetos á Casa de Hortas, por ser este unha verdadeira guía para pasear devagariño pola .Casa-Museo, rememorar a vida de Manuel e encontrar chaves para a lectura da súa obra

  • Escoitar "Poema á casa" en Sonetos á Casa de Hortas, musicado por Uxía (CD Uxía canta a Manuel María editado pola Casa-Museo): "Non hai no mundo ser tan desolado…"

2.- OUTEIRO DE REI
Outeiro de Rei da Terra Chá, a súa tribo natal, e os seus distintos espazos e persoeiros significaron para Manuel María non só o inicio vital, senón tamén as primeiras descubertas e ensoñares para a súa creación literaria.

  • Poema “ Ti sabes, Outeiro, que eu son Hortas…” en A tribo ten catro ríos, (recollido do libro Ritual para unha tribo capital de concello.

  • www.adelaleiro.com/ Comarcas Lugo  (diapositivas seguintes, numeradas)
    -22: Outeiro de Rei
    -23: Casa Museo, capela de Santa Isabel, Muíño por dentro
    -39 :Penas de Rodas
    -47: Ladra, Miño, muíño por fóra
    -52: batuxo , barca tradicional no Miño
    -75: Carballeira de Santa Isabel
    -89: Bonxe: Indalecio e a súa filla Pepa

2.1. A importancia de Manuel de Paderna.

Este personaxe tan singualar, que traballou na Casa de Hortas, foi alguacial, barbeiro... e versificador popular, foi quen lle meteu o vicio da poesía a Manuel María ensinándolle furtivamente a facer versos de neno mentres os maiores dormían a sesta do mediodía e premiándoo con un pitillo cando o resultado era satisfactorio. Manuel María acabouno convertendo en protagonista de tres das súas obras narrativas, numerosos poemas e artigos xornalísticos. A través deste entrañábel personaxe podemos revivir as paisaxes e paisanaxes destas terras.

  • A tribo ten catro ríos: pp:10,12,18-21,27-35, 47…, 57-67

  • Cando o mar foi polo río: Ditos e lendas de Manuel de Paderna,  pp 111-124

  • Escolma de poetas de Outeiro de Rei
    Amigo Manuel María,
    escoita ao vello Paderna:
    o verso que non se sinte
    é un carballo sen cerna!

2.2. O regato do Cepelo
Humilde e feble regato que "nunca emigrou" pois simbolicamente “nace e morre en Outeiro”, onde as súas augas se confunden coas do Miño, e que inspirou moitas poesías de Manuel María.

  • www.adelaleiro.com/temas /varios.Terra Chá. Diapositiva nº 20

  • A tribo ten catro ríos: Como naceu o Regato do Cepelo, pp 7-13

  • Poemiña do señor regato do Cepelo: Terra Chá

2.3. Carballeira de Santa Isabel
Situada a uns 10 minutos a pé da Casa-Museo, hoxe é unha extensa área recreativa situada á beira das augas do Miño, xusto no punto en que o Ladra vai ao encontro do que Manuel María chamaba agarimosamente "o Pai Miño Caudal".

O campo de Santa Isabel. Para o autor a Santa Isabel foi, cando cativo, lugar de soños, de xogos e de traballos labregos e a súa contemplación tornou en auténtica devoción. Era, ademais, o campo da festa de Outeiro (Santa Isabel é a patroa da parroquia), onde se celebrou durante moitos anos unha concorrida romaxe popular nos inicios do mes de xullo. Desde hai dous anos a Fundación Manuel María vén convocando alí unha Romaría-Foliada popular, o "Convívio da Cultura Galega", no 2º sábado do mes de xullo.
Cabo da carballeira, presidíndoa, está a capela da Santa Isabel, restaurada grazas aos esforzos e xestións persoais de Manuel María.

  • A tribo ten catro ríos (pp 37-45): capítulo: Orixe e lenda do Campo de Santa Isabel

  • Poemas “A Santa Isabel de Outeiro de Rei” e “ Cantiga da romaxe de Santa Isabel”: Terra Chá

  • Poema “A natureza” (As rúas do vento ceibe)

  •  Poema do libro Escolma de poetas de Outeiro de Rei:

    A Santa Isabel, miña amiga, irei.
    A Santa Isabel de Outeiro de Rei.
    Está meu camiño
    xunto ao río Miño.

    Como un caravel de certo color
    a Santa Isabel irá o meu amor
    Está meu camiño
    xunto ao río Miño.

    As verbas de dor voltaranse mel
    na alta alegría de Santa Isabel.
    Está meu camiño
    xunto ao río Miño.

Monolito da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG). Foi este lugar o escenario da homenaxe popular que a AELG tributou en 1997 ao poeta como "escritor na súa terra". Lémbranolo un monolito cun poema de Manuel María (“Carballos”: Terra Chá) dedicado ás árbores centenarias deste magnífico espazo natural.

Os ríos Miño e Ladra. Xunto á Carballeira de Santa Isabel, o río Miño recibe as augas do río Ladra. As augas cantareiras do Ladra mestúranse coas do Miño para lle dar un pouco máis de alegría.
Perto da Casa Museo, a menos de tres quilómetros, en Rábade, hai un centro de interpretación do ecosistema fluvial do Miño, A Casa das Insuas.

  • Poema “O río”: Os soños  na gaiola. Editado pola Casa Museo Manuel María. (Tamén musicado por Suso Vaamonde . Editado pola ASPG)

  • Poema “O Miño”: Terra Chá

  • Poema “O Miño” de Escolma de poetas de Outeiro de Rei

    Como as ondas do Miño, o río maior,
    así, miña amiga, é o meu amor
    lonxe de ti.

    Como as ondas do Miño, o río caudal,
    así, miña amiga, meu amor é leal
    lonxe de ti.

    Como as ondas do Miño, de paso de boi,
    así o meu amor, que veu e non se foi
    lonxe de ti.

    Como as ondas do Miño, o río  belido,
    así, miña amiga, así vou ferido
    lonxe de ti.

  • Libro: O Miño canle de luz e néboa.

  • "Poema ao río Ladra" en Escolma de poetas de Outeiro de Rei:

    As augas do Ladra, que baixan cantoras,
    non poden, amiga, contar miñas horas.
    Eu en Outeiro a pensar

    As augas do Ladra, que baixan caudales,
    non poden, amiga, levar os meus males.
    Eu en Outeiro a pensar

    As augas do Ladra, que no Miño morren,
    xa non me escoitan e non me socorren!
    Eu en Outeiro a pensar

O muíño. Na beira de Santa Isabel, no Miño, e xusto antes do seu encontro co Ladra, está un magnífico exemplo de muíño-vivenda en moi bo estado de conservación. Alí filmouse unha ben coñecida escea da película "Sempre Xonxa" de Chano Piñeiro.

  • Poemas “O muíño” e “Os oficios”:. Os soños  na gaiola. Editado pola Casa Museo Manuel María. (Tamén musicados por Suso Vaamonde . Editado pola ASPG)

  • Poema “Muiño” do libro Ritual para unha tribo capital de concello

    O muíño que está ao pé do Miño,
    enorme como un monte, seguro
    e lento como o tempo, garda
    un segredo nunca revelado:
    non son os seus rodicios
    os que fan cantar á auga escura
    e prisioneira do caneiro.
    A canción da auga é quen
    move aos rodicios e lles dá
    un prodixioso ritmo máxico:
    medida e número do mundo,
    harmonía e cómputo dos astros.

2.4. A fonte comunal e a Fonte da Picha
De volta desde o Miño cara a Outeiro, nunha pequena costa, está a fonte comunal.

  • A tribo ten catro ríos: Verdadeiro relato duns amores  de Manuel de Paderna, pp 23-35 Este relato desenvólvese ao redor da fonte comunal de Outeiro.

  • Poema “A fonte”. Terra Chá.

  • Poema  “Lembro a Fonte da Picha tristemente…”: Ritual para unha tribo capital de concello.

2.5. Cemiterio
A medio camiño entre a Casa-Museo e a Carballeira da Santa Isabel atopamos o cemiterio vello de San Xoán de Outeiro de Rei, no adro da fermosa igrexa parroquial. Nel repousan os restos de Manuel María "da Casa de Hortas", como indica o sartego situado á beira da súa nai Pastora. Nel non faltan dúas rosas: unha vermella e outra branca, as súas favoritas, como poetizou.

  • "Poema ao Cemiterio" en Ritual para unha tribo capital de concello, (último poema)

    Cando xa estea canso de verdade
    e as cousas e o mundo non acendan
    en min ningún fervor, quero
    deitarme, Outeiro, no teu chao,
    contemplar o brillo das estrelas,
    o paso das nubes tráxicas e grises
    mentres, con todo o meu ser, vou,
    moi de vagar, dun xeito lúcido,
    facéndome, para sempre, terra túa
    e consumíndome, calado, no teu seo.


2.6. As Penas de Rodas en Gaioso
Saíndo de Outeiro, dirección Lugo-A Coruña, e virando á esquerda da Nacional VI, en Rábade, cara á parroquia outeiresa de Gaioso, atravésase o río Ladra e sóbese ao monte até dar coas “Penas de Rodas”. Dúas enormes penas de forma arredondada, situadas nun dos puntos máis altos da Terra Chá e convertidas en área recreativa. Inzada de lendas populares sobre a súa orixe e sugnificado, foi en distintas ocasións un espazo poetizado por Manuel María como en “Poemiña ás Penas de Rodas”, no poemario Terra Chá.

2.7. Olaría de Bonxe
Na saída da autovía Outeiro-Castro de Rei, en dirección a Castro de Rei, está a parroquia de Bonxe, terra de oleiros, na que que a súa olaría está musealizada e conserva un obradoiro artesán onde se seguen a facer traballos de cerámica.

  • Poema “Barro”. Terra Chá.

  • A tribo ten catro ríos: páx. 25.

  • Fragmento do artigo "Os cacharreiros, a miña tribu e as súas cancións", sección “Andando A Terra”, ANT
     “Estou fachendoso de ser dunha terra de cacharreiros. Nos días da miña infancia teño ollado, moitísimas veces  fumegar os fornos dos oleiros de Bonxe, Silvarrei, Pape, Penelas e do meu Outeiro de Rei natal.(…) Moitas horas teño usado ollando atentamente cos meus ollos de neno moi abertos e estantíos, como o señor Francisco do Cantón lle daba á roda (…) O meu asombro chegaba xa ás súas lindes - a súa situación límite que diría un “listo”- cando, das súas mans de hábiles artesás, xurdía, en menos tempo do que un tarda  en botar un salouco, unha cunca, unha xerra, un porrón, unha ola, unha chocolateira ou un asado. E logo a habilidade con que, o mestre cacharreiro, manexaba un anaco de arame para separar a peza da roda e a delicadeza con que collía a peza no ar e a pousaba na táboa xunto das outras para poñela a secar ao sol, e ao vento, denantes de metelas no forno”.


3. POLA TERRA CHÁ DA MAN DE MANUEL MARÍA
Manuel María, no seu discurso de entrada na Academia, falando da Terra Chá aclara que “o seu espazo real non coincide co oficial… Na actual división comarcal de Galiza incluíron na Terra Chá concellos enteiros, ou parte deles que xeograficamente non son nin endexamais se consideraron chairegos. E excluíron outros esencialmente chairegos  como Rábade e Outeiro de Rei…”

  • Poema “Terra Chá” e “ Dimensións”: Terra Chá. (Podedes escoitalo na voz de Uxía: www.youtube.com/watch?v=4or1jhd-oL0 ou no CD Uxía canta a Manuel María)

  • En www.adelaleiro.com ou tamén na parte superior desta mesma páxina (debaixo de Casa Museo>A Contorna)
    -Ruta 1”: Pola Terra Chá con Manuel María”– mapa con posíbel percorrido
    -Presentación sobre os poemas do Terra Chá, diapositivas 127-128 – "Cantiga para andar pola Terra Chá".
    -Presentación sobre os poemas do Terra Chá diapositiva nº 5: "Discurso de entrada na Real Academia Galega".

3.1. A lagoa de Cospeito: Coordenadas: Lati:43.236 (43º14´10´´) Lonx:7.55883 (7º33´32´´Oeste)
Aflora a auga na Terra Chá formando distintas lagoas e humedais, entre elas, a Lagoa de Cospeito, un dos espazos naturais máis marabillosos da Terra Chá, que dispón dun centro de interpretación.

  • Ruta pola Lagoa de Cospeito en www.adelaleiro.com ou tamén na parte superior desta mesma páxina (debaixo de Casa Museo>A Contorna)

  • Cando o mar foi polo río: "A verdadeira historia da Lagoa de Cospeito", pp 51-64. (O poema é do libro Terra Chá)

  • Do libro Poemas para dicirlle a dúas lagoas estes dous poemas, por exemplo:

    A Lagoa de Cospeito, o meu lago maior,
    de auga cristaíña e nenúfar en flor:
                                              -Eu a navegar.

    A Lagoa de Cospeito, o meu lago xentil,
    amigo da laverca e do cuco souril.
                                              -Eu a navegar.

    A Lagoa de Cospeito ten lendas por ondas,
    saloucos do vento e saudades moi fondas.
                                              -Eu a navegar.

    A Lagoa de Cospeito ou Lama de Goá:
    espello no que se reflexa a Terra Chá!
                                              -Eu a navegar
                                              somentes neste mar. 


    ........................................................  

    Lagoa de Cospeito: no  nome do proveito
    levaron a túa auga, secaron o teu leito.
                                                    -Maldito sexa.

    Lagoa de Cospeito:  chegou  o inimigo
    e non descansou ata acabar contigo.
                                                    -Maldito sexa.

    Lagoa de Cospeito: agora só lembranza,
    quixeron converterte en campo de labranza.
                                                    -Maldito sexa.

    Lagoa de Cospeito: aquel que te secou
    que teña o mesmo fin que a ti che dou!
                                                    -Maldito sexa.

3.2. Vilalba

  • Poemas “Vilalba”, “Castelo dos Andrade” e “Madrigal a Vilalba”: Terra Chá.

  • Cando o mar foi polo río: "Por que é octogonal a torre de Vilalba", pp 27-38

3.3. O Castro de Viladonga.
Na saída da autovía Castro de Rei, en dirección a Castro de Rei, está un dos mellores conxuntos castrexos do interior da Galiza que conta, ademais, cun magnífico centro de interpretación.

  • Poema “O Castro de Viladonga”: no libro Versos do lume e o vagalume

    Castro de Viladonga, aberto aos ventos,
    ollando as vagas nubes fuxidías,
    illote de altivez e de impotencia

    ergueito como o puño dun petrucio
    na soidade sen fin da Terra Chá,
    habitado por cobras e lagartos,
    xestas, uces, toxos e carqueixas
    nas que aniña, quizais, a cotovía
    e florecen, ufanos, os balocos:
    estalos para ninguén, festas de nada.


    Castro de Viladonga, círculo máxico,
    símbolo do pai Sol e máis da Vida,
    feito da mesma terra que o meu corpo,
    arraigado no ser da miña tribo
    como unha mao nobre e xenerosa
    ou colo maternal, pois en Galiza
    só hai feituras de colo e mao aberta.
    Para quen, para que, por que
    tantísima tenrura derramada…?


    Castro de Viladonga, montón breve
    de vellas pedras nas que vive
    o silencio, a ruína, a soidade:
    imaxe xusta e fiel da miña patria.


3.4. Lugo. As Murallas

  • Ruta polas murallas de Lugo  en  www.adelaleiro.com

  • Poema “Ode á cidade de Lugo” do libro As lúcidas lúas de outono.

    Matrona e nai, bosque sagrado:
    agora as túas árbores son torres de laxe,
    cantería e cemento. A muralla é
    a sebe que protexe e pecha o teu
    círculo máxico e sagrado como ollo
    misterioso e xigantesco, a espreitar
    as grandes nubes tráxicas
    que choran sobor de ti a súa
    tristura inconsolábel. Os teus
    paxaros convertéronse en graves,
    melancólicas campanas lembradoiras
    e gardan, para sempre endexamais,
    na súa fina lembranza estremecida,
    cantos celtas, romanos e suevos
    que resoan, no meu canso e vello
    corazón inmemorial, co marmurio
    nidio, musical, cecais eterno-
    das ondas máxicas do Miño,
    ouh cidade para vivir e non morrer!

4. CONSERVACIÓN E RESPECTO POLO PATRIMONIO E, COMA CONTRAPUNTO, O PERSONAXE DE DON CAPITÓN

  • "Don Capitón ordena cegar a fonte da Picha": A tribo  ten catro ríos, p17;  Cando o mar foi polo río,  pp116-119.

  • "Historia do quiosco da música que había na Praciña do Concello": A tribo ten catro ríos, pp57-67 

  • Tamén se mandou tirar a cerca da Casa de Hortas cando se amañou a Casa-Museo. (Comparar a cerca actual coa que aparece no vídeo “De  amor e cantería”, dous anos antes)

Para rematar facemos referencia aos seguintes poemas que tamén poden ser grande de interese:
“Galiza”: Os soños  na gaiola; “O carro”, “Amencer”, “Tarde” e “Noite”: Terra Chá; “ Os soños” e “Arcadia”: Oráculos para cabaliños do demo.

O Carro
Non canta na Chá ninguén.
Por eso o meu carro canta.
Canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta.

Non hai canto tan fermoso,
fino como un asubío.
Anque é, ás vegadas, saudoso,
faise, no ar, rechouchío.

O meu carro é cerna dura:
sábese carballo e freixo.
Que fermosa a súa feitura!
Que lixeireza a do eixo!

As cousas vanse aledando
por onde o meu carro pasa.
Carrétame herba pró gando!
Tráeme a colleita prá casa!

Os soños
Na miña intimidade naceron moitos,
moitos soños.
                               Uns floreceron
e fóronse murchando pouco a pouco.
Outros deron un escuro froito
chamado soidade que fai que un
se poda topar consigo mesmo.
Teño cantidade  de soños que son
melancolías douradas e lonxanas.
Ollei morrer soños tristemente.
Pero a colleita foi tan abondosa
que sempre tiven soños para ofrecer
a aqueles pobriños que non soñan.
Algúns dos meus soños déronlles
as súas azas lixeiras aos paxaros:
o que deles quedou, enraizou
e hoxe son carballos poderosos
nos que o vento enfebrecido pulsa
as cordas das súas polas cantadoras.

    
Arcadia
Durante toda a miña vida andei
a soñar, longa e fondamente,
coa Arcadia marabillosa, lonxana
e lexendaria.
                       Viaxei a Grecia
e, con ollos atentos e avarentos,
contemplei a Arcadia: é unha
paisaxe de oliveiras e penedos,
gris e brava, onde hai un pobo,
pequeno e miserento, chamado
Paradisus nada menos.
       Todo
era árido, pobre e desolado.
Entón fechei os ollos cara afora
e abrinos cara dentro.
                            E puiden
ollar a Arcadia feliz e verdadeira.

5. RECURSOS
Na rede:
http://www.casamuseomanuelmaria.gal:  Biografía, obra, Fotobiografía, recursos…
www.adelaleiro.com .  Web de Adela Leiro, mestra e escritora nada en Cambados: nesa web en “Temas”/”Varios” propomos o visionado de:

  • A Terra Chá (tamén se pode visionar desde a parte superior desta mesma páxina, debaixo de Casa Museo>A Contorna)

  • Canto á Terra Chá

  • Manuel María

  • Ruta pola Lagoa de Cospeito (tamén se pode visionar desde a parte superior desta mesma páxina, debaixo de Casa Museo>A Contorna)

  • Parga-Ladra-Támoga

  • Ruta pola muralla de Lugo

  • Comarcas de Galiza. Lugo

Para escoitar poemas recitados por Manuel María:

  • Libro Os soños na Gaiola. Edita Casa Museo Manuel María (contén un código de descarga dun vídeo con 12 poemas recitados por Manuel María)

  • Libro As rúas do vento ceibe. Edita Casa Museo Manuel María (contén un código de descarga dun vídeo con 10 poemas recitados por Manuel María)

  • Fotobiografía sonora de Manuel María, CD1 con numerosos poemas na voz do escritor

Para escoitar poemas musicados de Manuel María:

  • Uxía canta a Manuel María. Edita Casa-Museo Manuel María (Poemas: A casa, Quero ser río, Carné de identidade, Unha canción, Heiche dar un bico, Manual do señorito, Señor gato, Rosa namorada, O melro, Bando, A Fala, Terra Chá, Aínda teño esperanza, O carro, Aquí estamos conformes e pasmados)

  • Fotobiografía sonora de Manuel María, CD2. Músicas con discos de : Fuxan os Ventos, A Quenlla, María Manuela, Suso Vaamonde. Na fotobiografía aparecen as carátulas dos distintos discos e unha breve referencia dos mesmos.

  • Canta o cuco. CD de Uxía e Magín Blanco editado por Galaxia

  • CD Soños na gaiola de Suso Vaamonde editado pola AS-PG.

  • Irmandiños: A Quenlla

  • Unha estrela por guía: Milladoiro

  • Web: sondepoetas.blogspot.com/

Outros recursos:

  • Danza do poema emocionado. DVD incluído no libro As rúas do vento ceibe (código de descarga) .

  • De amor e cantería. DVD incluído na publicación Uxía canta a Manuel María editado pola Casa-Museo Manuel María (código de descarga).

 

Deputación de LugoDeputación da CoruñaConsellería de Cultura, Educación e Ordenación UniversitariaConcello de LugoConcello de OleirosFEADERagaderLEADERMinisterio de Agricultura, Alimentación y Medio AmbienteConsellería do Medio RuralTerras de Lugo