Manuel María > Biografía

A resistencia cultural que caracterizou as etapas anteriores increméntase na segunda metade dos sesenta, ao tempo que aparecen os primeiros partidos nacionalistas galegos, a Unión do Povo Galego (UPG) e o Partido Socialista Galego (PSG), que veñen encher o baleiro creado pola liquidación do Partido Galeguista. Asistimos igualmente ás primeiras folgas obreiras, á loita labrega contra FENOSA e ás revoltas na Universidade. O compromiso de Manuel María ao longo de todos eses anos levao a percorrer o país e a participar en importantes acontecementos para a cultura galega e para o país: a presentación de Raimon e da Nova Canción Galega, a creación da colección de poesía Val de Lemos, a edición de discos en colaboración coa discográfica EDIGSA, a inauguración da Libraría Xistral, etc.

No campo creativo a súa voz é cada vez máis comprometida e combativa: Versos para un país de minifundios, Versos para cantar en feiras e romaxes, Remol, Canciós do lusco ao fusco…En 1975 presenta a súa renuncia como membro correspondente da Real Academia Galega dada a total ineficacia desta institución en defensa da lingua galega e dona a propiedade de Edicións Xistral ao recén creado Frente Cultural da AN-PG, organización esta da que Manuel María será un activo militante.