Manuel María > Biografía

1949 é un ano transcendente e decisivo na vida de Manuel María. Con só dezanove anos pronuncia no Círculo das Artes de Lugo a súa primeira conferencia; intégrase na tertulia luguesa do café Méndez Núñez, invitado polo poeta Luis Pimentel, na que participan tamén escritores como Ánxel Xohán, Ánxel Fole, Ramón Piñeiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro ou Carballo Calero; convértese en editor da revista Xistral -onde publica os seus primeiros versos en galego-, e escribe o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas, que sairá ao ano seguinte na colección Benito Soto, de Pontevedra.

O seu primeiro libro de poemas, que acada un grande eco nos xornais e recibe o eloxio de figuras como Otero Pedrayo, ten un triple valor histórico: é o primeiro libro que publica Manuel María, é a primeira obra que sae á luz dun poeta novo e é o texto que marca a aparición dunha nova corrente poética na lírica galega: a Escola da Tebra.

Tamén en 1949 matricúlase por libre en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, estudos que abandona ao ano seguinte. Nacen os primeiros versos de Morrendo a cada intre. A morte en accidente do seu irmán máis novo prodúcelle unha profunda crise íntima e relixiosa que o leva a escribir Libro de pregos. Pouco despois fai o servizo militar en Parga e en Compostela, onde coincide de novo con outro futuro poeta que xa coñecera en Lugo: Uxío Novoneyra. Na cidade de Compostela manterá unha grande relación cos intelectuais galeguistas, especialmente con Otero Pedrayo e Carlos Maside. Este último achégao á realidade do pensamento marxista.

En Lugo, xa liberado do servizo militar, inicia os estudos e prácticas de Procurador dos tribunais, publica o seu segundo poemario e gaña o Premio Castelao de Poesía do Centro Galego de Bos Aires. No verán de 1953 escribe a primeira redacción de Terra Chá, que é un verdadeiro reencontro coa vida chairega e coas súas raigames labregas. Son anos de intensa creación poética, que se traduce en diversos libros, moitos dos cais permanecerán inéditos longo tempo.

En 1956 Manuel María coñece a Saleta Goi e ábrese aí unha nova etapa persoal na vida do escritor. Casan en Lugo tres anos máis tarde e pouco despois instálanse os dous en Monforte de Lemos, onde o poeta exercerá a actividade profesional de Procurador até a súa xubilación.

Entre 1959 e 1963 manteñen unha grande relación co grupo de intelectuais de Ourense (Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, etc.) e asisten ás primeiras reunións para reorganizar o nacionalismo galego, un proceso político no que é clave a figura de Méndez Ferrín. É a época do Consello da Mocedade e da ruptura co piñeirismo. Intensifica, así mesmo, a súa creación, non só como poeta, senón tamén como narrador e dramaturgo. Desta época cómpre destacar libros como Documentos persoaes (1958) e Mar Maior (1963).