Manuel María > Biografía

Manuel María nace en Outeiro de Rei da Terra Chá (Lugo) o 6 de outubro de 1929, no seo dunha familia de labregos máis que acomodada. Vive os seus anos da nenez e da adolescencia como calquera outro neno do mundo rural, coa única diferenza de que na súa casa non sufrirán nunca a miseria e a fame que coñecen a maioría das familias naqueles primeiros tempos da posguerra. Comeza a escola en Outeiro en plena guerra civil. Logo prepara en Rábade o ingreso no Instituto cun mestre que dedica as tardes dos sábados a ler e comentar textos poéticos galegos -algo verdadeiramente sorprendente nesa época-, o que lle permite descubrir a existencia da literatura galega nesa etapa inicial da súa vida. Inicia o Bacharelato no curso 1942-43 no Instituto Masculino de Lugo. Antes de rematar o primeiro curso, en maio de 1943, morre o seu pai e faise cargo da súa educación o seu tío paterno, párroco de San Froilán e profesor de Filosofía no Instituto Feminino da cidade luguesa. Son anos duros e difíciles, que o futuro poeta vive como internado na Academia Galicia dos maristas até que no 1947-48 regresa ao Instituto para rematar o bacharelato. Sempre que pode, de calquera xeito, retorna aos seus eidos, á liberdade de Outeiro de Rei, onde vive días moi felices coa nai e cos irmáns, integrándose plenamente no mundo labrego. Precisamente é cun criado que traballa na casa, Manuel de Paderna, co que aprende a facer versos nos mediodías do verán, á sombra dunha oliveira. Ademais da influencia cultural do seu tío crego, moi formado en Teoloxía, Filosofía e Literatura, nese tempo da adolescencia de Manuel María é para el lectura habitual A Biblia, a obra de Rubén Darío, os clásicos españois e a Xeración do 27.

Deputación de LugoDeputación da CoruñaConsellería de Cultura, Educación e Ordenación UniversitariaConcello de LugoConcello de OleirosFEADERagaderLEADERMinisterio de Agricultura, Alimentación y Medio AmbienteConsellería do Medio RuralTerras de Lugo