Actividades

Xurxo Souto presenta "Pangalaica" na Casa-Museo Manuel María

Xurxo Souto presenta

09/01/2020

Será este sábado, día 16 de xaneiro, ás 19 horas

O próximo sábado, 16 de xaneiro, ás 19 horas, Xurxo Souto presenta no auditorio da Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei da Terra Chá), "Pangalaica. Recortes poderosos".
Son oitenta pequenos relatos que foron publicados no xornal NÓS Diario e que agora son recollidos e ilustrados nun libro editado por Galaxia . As historias e as persoas marabillosas que Xurxo Souto foi atopando nas súas viaxes por Galiza adiante. Petiscos cheos de humor que acaban conformando unha cosmovisión alternativa do país: é mentira a fronteira entre o rural e o urbano. Todas somos da aldea. Vigo e mais A Coruña son a mesma cidade!
Xurxo Souto (A Coruña, 1966). Músico e escritor, en 1988 comezou a colaborar en diferentes medios de comunicación, nomeadamente na radio, onde conduciu os programas A Tropa da Tralla (Radio Coruña) ou Aberto por Reformas (Radio Galega). Escribiu dúas novelas e varios libros de relatos. Dirixiu a película documental Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo. Con outros compañeiros do barrio creou Os Diplomáticos de Monte-Alto, conxunto bravú. Tocou o acordeón en Tres Trebóns e, agora, é un dos compoñentes da Banda Xangai.
Para asistir a esta actividade é imprescindíbel anotarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.
https://www.youtube.com/watch?v=y9_0ul8V62Q&t=350s
Saúdos. Casa-Museo Manuel María