Fundación Manuel María de Estudos Galegos
19/05/2018
Xiana Collazo Rial, do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, co videopoema “Lúa descolorida”, e Sara Casanova Martínez, do IES de Quiroga, co videopoema “Negra sombra”, foron as premiadas na II edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María.
O xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista, Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista, Anxa G. Refoxo, salientou do videopoema “Lúa descolorida” “o seu exquisito uso da linguaxe audiovisual e a coherencia nos versos escollidos que con excelentes metáforas visuais consegue transmitirnos unha historia”, e do videopoema “Negra sombra”, resaltou “as súas estupendas metáforas visuais, unha moi suxerente utilización da cor e unha excelente montaxe para nos ofrecer a interpretración do poema”.
Así mesmo, os membros do xurado sobrancearon a alta calidade alcanzada nesta edición, a diversidade de temáticas presentadas e o feito de que se estenda o concurso polos distintos centros educativos do país, o que é unha mostra da súa consolidación.